A Deputación da Coruña acaba de comezar a reparación dos visibles desperfectos na réplica do Dolmen de Dombate, que espertaron en maio de 2015 as dúbidas da plataforma Salvemos Cabana sobre a xestión do concello de Cabana de Bergantiños para o monumento. Pero lonxe de satisfacer as demandas dos ecoloxistas, a actuación da deputación parécelles un "parche" a costa do erario público, destinado a "acalar as críticas" pola renovación do convenio de conservación co concello".


Para Salvemos Cabana, os desperfectos que presenta o neodolmen son unha consecuencia directa da política de conservación do concello, que sempre primou a "masificación do xacemento sen prever as posibles consecuencias". Levaban tempo reclamando unha estratexia de conservación preventiva e un control dos grupos que accedían a visitar o centro arqueolóxico. Por iso denuncian que as obras que comezan agora son un "parche" que non poderá restituir o monumento ao seu estado orixinal, sobre todo porque a empresa que o construiu xa non está operativa.


Dende a plataforma entenden a maniobra da Deputación como unha "solución de urxencia para acalar as críticas", xustificando a polémica renovación do convenio co concello, que "non tivo en consideración os informes negativos emitidos polo seu propio servizo de Arquitectura e Patrimonio", despois de que se incumpliran varias cláusulas do documento que obrigaba a "priorizar sobre calquera outro factor a protección do monumento e de todos os bens incluidos no centro arqueolóxico". 


Pero será difícil que consigan silenciar aos ecoloxistas, que consideran a renovación do convenio unha "tomadura de pelo" que senta "un penoso precedente que pode rematar convertendo un monumento prehistórico de referencia en Galicia nun recinto ferial". Para Salvemos Cabana, a única forma de entender a decisión da Deputación é que cederon ás presións locais "entregándolle en bandexa de prata ao Partido Popular" a xestión do centro arqueolóxico. 




POWERED BY BIGPRESS