Dende a Plataforma en Defensa do Ensino Público ven cada vez máis difícil revertir no que resta de lexislatura a "desigualdade e exclusión" que segundo eles trouxo consigo o despregue normativo da LOMCE en Galicia. Pero neste ano electoral no que nos atopamos comezan a poñer as súas esperanzas nas eleccións autonómicas, sobretodo despois de obter o compromiso de todos os grupos da oposición de tratar de paralizar e revertir o despregue da Lei de Educación no primeiro período de sesións tralas eleccións autonómicas. 


Entre os compromisos contraídos polo PSdeG, BNG, AGE e Grupo Mixto están o de abordar a "gratuidade dos libros de texto", a "eliminación" dos concertos para os colexios que segregan por sexo, a recuperación dos cadros de persoal "destruídos nos últimos anos", o fin do "desmantelamento educativo do medio rural" e a eliminación de reválidas. Tamén se comprometen a intentar volver a consenso no modelo lingüistico, que segundo denuncia a plataforma do ensino foi rachado "coa entrada en vigor do Decreto de Plurilingüismo".


En xeral, os grupos parlamentarios da oposición comprométense a paralizar e revertir a normativa que desenvolve a LOMCE aprobada polo Partido Popular en Madrid, dentro das competencias que lle permite o autogoberno.


Para o voceiro de AGE, Ramón Vázquez, estamos ante un momento trascendental, xa que se presenta a posibilidade "dunha unidade de acción política na defensa do ensino público" que evidencia " a inmensa soedade do PP". Na mesma línea, o representante de educación do PSdeG, Vicente do Casar, incidiu na "amplo representación" de detractores que conseguiu a LOMCE no ensino público, unindo a "sindicatos de ensino, ANPAS, estudantes..."


Pola súa banda o representante do BNG, Cosme Pombo, cargou contra o modelo de "ensino neoliberal que presenta a LOMCE", denunciando ademais unha destrucción de emprego durante o goberno de Alberto Núñez Feijóo. Pombo asegura que durante estes anos se xubilaron "4000 ensinantes" e que na nova oferta de emprego público deste ano tan só se van repor 2000. 


Os colectivos do ensino recoñecen que non lle plantexaron a firma deste compromiso ao PPdeG, consideran que "non tería moito sentido presentarlles algo que vai en contra da súa ideoloxía" xa que "obviamente "ían estar en contra". 



POWERED BY BIGPRESS