A Torre de Hércules, o faro en funcionamento máis antigo do mundo, ilumínase de verde este xoves para reivindicar o seu vínculo con Irlanda, que segundo a lenda foi descuberta desde o alto deste monumento declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.
Turismo da Coruña participa na campaña mundial Global Greening, que tingue de verde lugares tan emblemáticos como o Coliseo romano, as cataratas do Niágara ou o Cristo de Corcovado en Río de Janeiro para celebrar a noite de San Patricio, patrón de Irlanda.
O mito ten a súa orixe ten as súas orixes no Leabhar Ghabala ou Libro das Invasións, recompilación realizada no século XII de lendas irlandesas anteriores. Segundo esta fonte, Breogán, fillo de Brath, foi o caudillo celta que someteu as tribos de España. Tras conquistar todo o territorio, fundou a cidade de Brigantia (A Coruña) e construíu xunto a ela unha torre, que denominou Torre de Breogán. Á súa morte, sucedeuno o seu fillo Ith, quen ao ver desde o alto da Torre as terras de Irlanda, partiu para conquistalas, pero a empresa fracasou, el morreu e o seu corpo foi traído a Brigantia onde foi enterrado. Sucedeuno o seu fillo Mil, quen intentou de novo a conquista de Irlanda e esta vez conseguiu vencer os Thuatha-Dé-Dannan e dominar todo o país.
A difusión desta lenda foi impulsada no século XVII polos Colexios de Irlandeses que se asentaron en España, e en concreto o de Santiago de Compostela que tivo un papel relevante pola súa proximidade á cidade herculina. Pasado un tempo o relato quedou no esquecemento, polo menos en Galicia, ata que no século XIX o recuperou a corrente celtista encabezada por escritores como Manuel Murguía ou Eduardo Pondal. Polo contrario, en Irlanda o mito mantívose vivo ao longo de todo este período.
Visitas guiadas con Mil Espane, desde Semana Santa
Turismo da Coruña ofrece oito visitas guiadas teatralizadas durante todo o ano a partir de Semana Santa. No tour Torre de Hércules, Patrimonio da Humanidade, Mil Espane mostra o mundo mitológico atlántico e interpreta a terra sacra do Parque Escultórico da Torre de Hércules. A actividade é gratuíta con reserva.
As visitas guiadas son un dos atractivos turísticos da Coruña para esta semana santa, xunto cunha interesante proposta gastronómica de tempada e multitude de opcións de lecer para gozar dunha escapada atlántica de primavera.