Os 13 representantes das plataformas en defensa da sanidade pública en Galicia atrapados en Bruselas contan con volver a casa mañá, co traballo feito pese á impresión que supuxo para eles salvarse "polos pelos" dos atentados.
En concreto, en Bruselas permanecen 10 componentes da plataforma SOS Sanidade Pública e 3 membros da Xunta de Persoal do Chuvi, que contan con poder volver a España hoxe ou seguramente mañá, a través de Madrid.
Así o asegurou o presidente da Xunta de Persoal do Chuvi, Ángel Cameselle, que asegurou que todos estaban ben e volvían despois de "facer o traballo que tiñan que facer", reuníndose con parlamentarios europeos para denunciar as supostas irregularidades na concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro.
Cameselle confía en que esta visita facilite o rescate do Álvaro Cunqueiro, se no futuro Europa lles dá a razón conque as cousas "non se fixeron ben".