Os socialistas galegos desconfían do anuncio da Xunta de 2.000 novas prazas financiadas de gardería, aseguran que en realidade se trata da privatización de 2.000 prazas de "depósitos de nenos e nenas”.



A deputada socialista Carmen Gallego sinala que as novas prazas para o curso 2016-17 supoñen o financiamento de novas escolas ou novas prazas cuxa xestión será privada”. En lugar de centros educativos para integrar no sector público, dixo, constituirán “simples lugares onde depositar aos nenos e nenas”.



Gallego acusou ao presidente da Xunta de “deslizarse paseniñamente trasladando ao sector privado o que deben ser os servizos públicos”. Por este motivo ten incrementado os prezos das escolas infantís “de xeito escandaloso” e dificultando o acceso ás persoas con menos recursos ata o punto de que “nalgúns concellos de Galicia xa resulta máis rendible acudir ás escolas privadas que a centros públicos”.



Tamén lle reprochou ao presidente da Xunta o feito de “presumir de novas prazas en garderías mentres pecha e desmantela as escolas infantís públicas, infradotadas de persoal, amortizando prazas, diminuíndo ao persoal, negándose a incorporar a parella educativa e deteriorando a calidade do servizo”.


POWERED BY BIGPRESS