Ata hai ben pouco Alberto Núñez Feijóo sempre mantivera o mesmo discurso: Galicia é un exemplo de estabilidade que se debe coidar, polo que o plan é esgotar a lexislatura e celebrar as autonómicas en outubro. Pero as cousas cambian con rapidez no panorama político actual. A probable convocatoria de eleccións xerais en xuño ofrécelle ao presidente da Xunta unha gran oportunidade para facer coincidir os comicios cos galegos, aforrando unha convocatoria electoral e de paso aproveitando a debilidade duns rivales aínda sen candidato.


Foi o propio Feijóo o que abriu a caixa dos tronos nunha entrevista publicada este domingo, recoñecendo que o adianto electoral era unha opción "enriba da mesa", aínda que insistiu que o factor da estabilidade pesaría de forma contundente na súa decisión final.


"Comprendo, en todo caso, que os galegos se pregunten se é se é lóxico que sexan chamados ás urnas en xuño e en outubro", afirmou alentando os rumores. Como posible explicación do adianto podería esgrimirse o aforro de diñeiro público que suporía celebrar os dous comicios dunha soa vez.


Pero tamén é evidente que o Partido Popular galego é neste momento o máis adiantado para unha hipotética carreira electoral. Coa notable excepción de Democracia Ourensana, o PPdeG é o único partido con candidato para a Xunta.


No PSdeG están pendentes da convocatoria de primarias que se anunciará esta mesma semana. A confluencia En Marea está pendente do proceso aberto en Podemos Galicia para elexir ao seu novo líder e no bloque aínda non confirmaron se a nova voceira xeral , Ana Pontón, tamén optará á Xunta de Galicia.


En calquera caso, canto menos parte da oposición parece disposta a aceptar o reto dunha eleccións en xuño. O coordinador de Anova e vicevoceiro parlamentario de AGE, Antón Sánchez, chamou a "convocar xa" eleccións autonómicas, convencido de que vai haber "unha marea en Galicia que vai derrotar ao PP". "Sempre diximos que tiñamos que estar preparados por se o había (o adianto)", apuntou. 


Tamén no BNG traballan coa hipótese dun adianto electoral, según expresou este luns a súa voceira nacional Ana Pontón, que non quixo confirmar se se presentará no proceso interno do partido para elexir ao candidato para a Xunta. 


Os únicos que a día de hoxe afirman claramente non contar cun adianto electoral son os propios populares. O seu voceiro parlamentario, Pedro Puy, sinalou que o seu grupo traballa "coa perspectiva" de que se celebren cando están previstas, no vindeiro mes de outubro. 





POWERED BY BIGPRESS