Trala confirmación de Alberto Núñez Feijóo de que non adiantará as eleccións galegas para facelas coincidir coas xerais do 26 de xuño, sucédense as reaccións do resto de partidos. Unha das primeiras e máis claras na súa resposta foi a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, que cuestionou os motivos esgrimidos polo presidente da Xunta.


Se Feijóo entende que non sería o "correcto" aproveitarse da "crise" do resto de partidos, Pontón interpreta que máis ben intenta "fuxir da sombra" de Mariano Rajoy" para que o electorado non vincule a súa figura coa do presidente do goberno en funcións.


En todo caso, Pontón recoñece que a decisión lles dá "máis tempo" para "fortalecer a alternativa" nacionalista fronte a un goberno que "representa o pasado, un gobierno que non ten nada que ofrecer xa aos galegos".


PARA O PSdeG "TIRA A TOALLA"


Pola súa banda, o voceiro parlamentario do PSdeG, Xosé Luis Méndez Romeu, considera que celebrar as eleccións cando tocan debe ser a norma xeral, lamenta que o debate sobre un adianto electoral saltase ao primeiro plano pola "ambición de persoal de Feijóo", ao que acusa de intentar "colocarse en Madrid, onde definitivamente lle pecharon as portas".


En todo caso, considera que o presidente da Xunta "tirou a toalla", que preside unha administración paralizada que non da resposta aos problemas dos galegos e que os meses que restan de lexislatura serán de "propaganda e publicidade electoral".

POWERED BY BIGPRESS