Oficialmente, a campaña aínda non comezou, nin para as xerais do 26-J nin moito menos para as autonómicas de outono.
Pero dende logo, calquera o diría se nos fixamos na mañá de Alberto Núñez Feijóo, que se asemellou bastante a un baño de multitudes propio da precampaña.
Aproveitando a festividade da Ascensión, o líder dos populares galegos visitou a feira e o Concurso Cabalar do mercado de Amio, onde foi recibido por 'fans' que lle pedían fotos e berros de "guapo".
Cun paseo entre cabalos con claros tintes preelectorais, Feijóo recorreu a feira, probando rosquillas e chourizos que lle ofrecían os vendedores. O ambiente era distendido, de feito chegou a bromear cunha das primeiras vendedoras, preguntándolle por qué a bolsa de rosquillas que lle ofrecía non incluía o prezo. "Estámonos adaptando, presidente", respondeu ela sinalando un cartel no que aparecían detalladas as cantidades.
Continuando co seu paseo, Feijóo colleu un par de botellas de aguardaente e outros licores, aínda que neste caso non se animou a probar. Preferiu seguir o seu camiño, parando para facerse fotos e apretar mans, ata chegar ata a nave onde estaban os cabalos.
Alí entablou unha animada conversa con varios gandeiros, sendo informado de que "un bo burro anda nunha media de 500 euros", aínda que este ano se vende menos.
Tamén houbo espazo para selfies, anéctodas, bromas con nenos e maiores... ¡Os tratantes levan bastón sempre!, sinalou antes de abandonar o recinto, en relación a un dos moitos vendedores que quixeron darlle a man.