Máis de 300 delegados sindicais da CIG e afiliados de CNT concentráronse este venres diante da planta principal de Coren en Ourense, como mostra do apoio cara as reivindicacións dos “falsos autónomos” que segundo denuncian traballan nunha filial da compañía no Porriño.


Insisten na súa denuncia de que a filial de Coren, Frigolougo, se vale da figura do “falso autónomo” para contratar de forma irregular a máis de 200 operarios, que dependen da empresa Servicarne pese a desenvolver o seu traballo na filial de Coren.


Denuncian ademais condicións durísimas de traballo, con longas xornadas e salarios inxustos, ademais de represión. Por iso se concentraron diante de Coren reclamando a readmisión dos cinco despedidos “tras participar na folga contra a explotación laboral e en demanda dunhas condicións de traballo dignas”, berrando consignas como “A explotación non é a solución”, “Despedidos readmisión” ou “Servicarne explotadores”.


O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, adiantou que a central continuará a convocar mobilizacións para denunciar a situación dos “falsos autónomos” de Servicarne. “Volveremos a Ourense, pero a próxima vez pasaremos pola rúa dedicada a Franqueira [fundador de Coren] e xunto ao seu nome porémoslle un letreiro que diga explotador”.


POWERED BY BIGPRESS