A xustiza acaba de darlle a razón á plataforma Queremos Galego, que gañou o seu recurso contra a sanción imposta polos supostos incidentes ocorridos na manifestación do 17 de maio de 2013 con motivo do Día das Letras Galegas.


O portavoz da plataforma e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, sinala que houbo unha "denuncia por parte da Policía e da Delegación do Goberno" que "só se entende desde o uso político das institucións a favor dos intereses do PP", que entón estaba á fronte do Concello de Santiago, Xunta e Goberno central.


Para a plataforma, esta "manipulación das institucións" xa fora "explicitada" por parte do PP coa "negativa municipal a permitir a colocación dun palco ou megafonía", o que foi recorrido no xulgado por Queremos Galego, ou coa modificación "sen tempo" do percorrido notificado á Delegación do Goberno, "co obxectivo de obstaculizar a reivindicación a favor da lingua", denuncia.


"A negativa de Queremos Galego a ceder nas presións do PP para que a manifestación non se celebrase foi o motivo real da multa", recriminou a plataforma, que asegura que "non se trata de feitos illados", senón que se sucederon noutras ocasións.


Pese a todo, Marcos Maceira espera que "feitos como estes non se volvan a repetir" e chama a participar na manifestación do próximo día 17, que sairá ás 12,00 da Alameda de Santiago. O portavoz da plataforma defendeu a necesidade de "volver saír un ano máis á rúa para defender a lingua galega como elemento de unión e para garantir a convivencia en condicións de igualdade dentro do pobo e nas relacións con outros pobos".

POWERED BY BIGPRESS