As relixiosas de orixe indio que convivían no convento de clausura das Mercedarias de Santiago non estaban retidas contra a súa vontade, nin tampouco foron tratadas de forma vexatoria nin foron víctimas dun delito de coaccións para que non abandonasen a congregación. Cando menos esa é a conclusión do xuíz, que decidiu arquivar a causa na que se cursaran dilixencias previas por supostos delitos de detención ilegal, coaccións e delito contra a integridade moral.


Nesta decisión foi determinante o feito de que ningunha das relixiosas que decidiu abandonar o convento quixo presentar denuncia, pero tamén a falta de indicios observada polo xuíz Andrésn Lago Louro, coñecido por ser o encargado de pechar a causa do accidente de Angrois co maquinista como único imputado.


O xuíz entende que o feito de que as relixiosas non tiveran os seus pasaportes no seu poder no momento da detención non implica que estiveran retidas de forma ilegal, a pesar das “ameazas veladas” que observaran as forzas de seguridade no seu informe.


Recorda que as tres relixiosas supostamente detidas abandonaron a congregación nalgún momento para visitar á súa familia durante longas tempadas na India, decidindo despois libremente volver ao convento, dende onde podían comunicarse a través do teléfono ou de cartas.


A xustiza dálle por tanto a razón ao Arcebispado de Santiago, que negou en toto momento que as monxas estivesen retidas no convento, senón que estaban inmersas nun proceso de “dispensa de votos” que leva o seu tempo. 

POWERED BY BIGPRESS