Unhas 700 persoas rodaron este domingo na Coruña sobre patíns, bicicletas, patinetes, sillas de rodas... nunha marcha organizada pola Federación ASPACE Galicia para concienciar sobre a parálise cerebral.
Trátase da segunda edición dunha marcha que tivo como punto de partida a chaira da Torre de Hércules. Un grupo formado por 40 motoristas foi o encargado de abrila, seguidos por usuarios das entidades de ASPACE Galicia; membros de grupos deportivos, como os Galicia Rollers, Alquimia In Line e o club de patinaxe artística Brincadeira; membros de diversas entidades, como GRUMICO e ADCOR; ademais do resto de participantes que quixeron apoiar coa súa presenza este iniciativa "reivindicativa e integradora".
O percorrido, que transcorreu polo paseo marítimo, serviu para dar visibilidade ás capacidades do colectivo das persoas con parálise cerebral, así como para reivindicar a accesibilidade no ámbito urbano.
A marcha tivo o seu final na chaira do Estadio de Riazor, onde usuarios de ASPACE Coruña leron un pequeno manifesto no que se apostou por cidades "máis humanizadas onde todos teñan cabida"; ademais de reivindicar a necesidade de "apoiar e axudar" a este colectivo en diferentes ámbitos, como son "o emprego e a vivenda".
As intervencións do presidente de ASPACE Galicia, Eulogio López; o campión nacional e deportista paralímpico na modalidade de tenis en cadeira de rodas, Álvaro Illobre; e do presidente do CERMI Galicia, Anxo Queiruga, deron paso a un sorteo de agasallos co que se puxo punto final a esta xornada na que o colectivo con parálise cerebral foi o auténtico protagonista.