Pontevedra segue loitando contra a prórroga de Ence por todos os medios ao seu alcance. Se esta fin de semana unha multitudinaria manifestación reclamaba por segunda vez na rúa a reversión da prórroga, agora é o propio concello o que decidiu interpoñer un recurso contencioso-administrativo ante a Audiencia Nacional contra a decisión do goberno en funcións de Mariano Rajoy de ampliar a concesión da empresa pasteira para operar en Lourizán ata o ano 2073.


Segundo informou o voceiro do goberno local do BNG, Raimundo González, toman esta decisión despois de que o requirimento previo presentado o 22 de marzo non fose contestado por Medio Ambiente. Esgotado o prazo de resposta, enténdese que esta é negativa e que se ratifica a decisión inicial. 


Por iso decidiron acudir á xustiza, presentando un recurso que demandará que a fábrica de Ence "non siga aí aínda que a pinten de rosa". Reiteran o "grave problema ambiental" que, ao seu xuízo, xera a pasteira na ría, asegurando que o concello non parará "ata que saiadas marismas de Lourizán".


González tamén cualificou como "un brinde ao sol para lavar a súa imaxe" os movementos que está a realizar o grupo Ence nas últimas semanas, aproximándose a diferentes colectivos e entidades da comarca.

POWERED BY BIGPRESS