Uns 560 brigadistas de Seaga poden reclamar a contía correspondente a uns 35 días de traballo correspondentes á campaña contra incendios de verán do ano pasado, segundo destaca a CIG, por mor da sentenza da sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) coñecida a semana pasada.


Este martes informaron sobre ela nunha rolda de prensa na cidade da Muralla o responsable de administración autonómica da CIG en Lugo, Gerardo Alvaredo, e o presidente do comité de empresa, Héctor López. A intención da central sindical é que todos eles saiban que poden reclamar que se lles aboen as cantidades correspondentes a eses 35 días, que cifran entre 1.400 e 1.600 euros para un posto de peón -o máis abundante-.


En concreto, o TSXG declarou o dereito do persoal con contrato indefinido descontinuo da empresa pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) a que os seus períodos de actividade coincidan, "cando menos", cos períodos nos cales se atope vixente a orde de execución das encomendas administrativas subscritas pola empresa coa consellería competente da Xunta, no referente á prevención e extinción de incendios nos períodos de perigo alto.


Esta sentenza responde a unha demanda sobre conflito colectivo interposta pola CIG contra a empresa pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga). "Seaga, no ano 2015, atrasou os chamamentos do persoal durante 20 días e adiantou a finalización dos contratos en 15 días. En total, Seaga privou do dereito para traballar e a cotizar aos máis de 500 operarios da empresa, un total de 35 días, cuxos atrasos terá que satisfacer tras a publicación da citada sentenza", destacou a semana pasada a CIG.

POWERED BY BIGPRESS