O Aeroporto de Santiago activou durante a noite deste luns o sistema de axuda á aterraxe en condicións de baixa visibilidade ILS, que permaneceu fóra de servizo no último mes polos labores de renovación e mellora da instalación, provocando numerosos desvíos no aeródromo compostelán por mor da néboa.


Entre as actuacións levadas a cabo, dentro do proceso de adaptación á normativa do novo regulamento europeo (UE), está a fragibilización -conversión en elementos de fráxil rotura- dalgúns dos equipos que conforman o ILS da pista 17, co obxectivo de que non provoque danos nas aeronaves en caso de colisión.


Para realizar estas obras, foi necesario dar de baixa o sistema durante o tempo que duraron, catro semanas, un período no que Lavacolla sufriu numerosos desvíos de voos pola néboa á primeira hora da mañá.


A execución das obras planificouse no mes de xuño, por ser no que historicamente, cos datos meteorolóxicos dos últimos 25 anos, se producen menos horas de baixa visibilidade no Aeroporto de Santiago.


Máis adiante, informou Aena, teranse que acometer actuacións na pista 35, tamén relacionadas co proceso de adaptación á nova normativa, aínda que se prevé que estas actuacións non teñan "apenas afeccion ás operacións do aeroporto".

POWERED BY BIGPRESS