O Hospital do Barbanza ampliará a súa zona de urxencias nuns 1.000 metros cadrados. A actuación centrarase na conversión dun espazo exterior para o uso asistencial que incrementará o número de camas de observación e a ampliación da zona de acceso de ambulancias.


O conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuiña, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, asinaron este venres o convenio de colaboración polo que o Sergas se compremete a acometer as obras, segundo informou a Xunta nun comunicado.


Así, a superficie total de actuación é "duns 1.000 metros cadrados" e converterá un espazo exterior de acceso nunha zona de "uso asistencial do servizo de urxencias", que permitirá "incrementar a actual dispoñibilidade de camas de observación na área de urxencias".


Ademais da ampliación en "650 metros cadrados da primeira planta", entre os compromisos do Sergas tamén se inclúe a modificación dunha zona exterior que se destinará á área de acceso para ambulancias.


O conselleiro indicou que é unha "intervención importante" e que as obras de reforma se realizarán "de forma sectorizada co obxectivo de reducir o impacto no servizo e manter o seu uso durante a actuación".

POWERED BY BIGPRESS