Unha das imaxes que se estenderon pola rede. //Facebook
O Grupo de Investigación e Análise de Tráfico (GIAT) investiga se un condutor de autobús da provincia de Pontevedra xogou coa aplicación de realidade virtual Pokemon Go durante unha ruta, o que lle pode reportar, segundo advertiu o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, unha "sanción grave".
En declaracións aos medios previas á participación nun acto, Santiago Villanueva explicou que a investigación se iniciou por mor dunha denuncia que fixo en Facebook unha pasaxeira, que colgou unha foto referindo ese suposto feito e que se espallou pola rede social.
Deste xeito, agora investígase a "veracidade" da denuncia, comprobando os datos e coas declaracións dos implicados. Tamén se lle pediu á empresa que identificase o traballador.
Se se demostran os feitos, explicou Santiago Villanueva, supoñería unha "sanción grave", xa que está prohibido o uso de dispositivos móbiles. Tamén se investiga se se causou un "grave perigo" na circulación.