O presidente da Xunta anunciou este xoves unha subvención destinada á compra de fármacos por parte daquelas familias "en situación delicada" que teñan fillos menores de 16 anos ao seu cargo.


Trátase, como explicou Feijóo na roda de prensa posterior ao Consello da Xunta, de que esas familias poidan recibir unha subvención de "ata o 40 por cento" da achega que os cidadáns teñen que facer para adquirir os seus fármacos, que pode alcanzar o 50 por cento do seu custo.


Esta liña de axudas que se establece por vez primeira en Galicia enmárcase na Axenda Social Única pactada pola Xunta coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Rede Galega de Loita contra a Pobreza o pasado mes de xuño.


A esta orde de axudas, que xestionarán os concellos, o Executivo autonómico destinará tres millóns de euros. Sen unha estimación aínda do número de posibles perceptores, o que si está establecido, segundo o presidente, é que o tope por persoa e ano non poderá superar os 120 euros salvo que "a situación médica o aconselle".

POWERED BY BIGPRESS