As condicións laborais dos brigadistas do servizo contra incendios forestais da Xunta seguen a ser motivo de queixas por parte dos traballadores. A CIG denuncia que as brigadas de Guntín, a Fonsagradada "e outras" da empresa pública SEAGA teñen que utilizar como base unha caseta de obra, onde en ocasións "a temperatura chega aos 50º". Critican que a situación deriva do "desmantelamento" do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF).


A través dun comunicado, o sindicato insiste na falta de políticas de prevención por parte do Executivo galego "porque ten un custo elevado e non é un bo negocio para os seus amigos das empresas privadas".


Proba do desmantelamento é, segundo a CIG, que o convenio do persoal da Xunta se compromete ao mantemento das brigadas helitransportadas existentes e a posibilidade de novas creacións. Porén, o que observan, é que "nos últimos anos a tendencia é a facer a contratación mediante empresa privada, relegando as bases da Xunta á mínima expresión".


"Para que o negocio destas empresas sexa seguro e abondoso", insisten, teñen á súa disposición as bases construídas con fondos públicos "das desaparecidas brigadas helitransportadas da Xunta" mentres as instalacións dalgunhas das brigadas propias "non cumpren a normativa de seguridade e saúde laboral".


Critican, ademáis, a falta dunha política forestal e que "o único que lle importa a Feijóo é mentir sobre a superficie arrasada".

POWERED BY BIGPRESS