O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avogou este xoves porque a industria vitivinícola galega continúe a súa aposta pola innovación e a calidade para "gañar máis peso" nos mercados exteriores e destacou que no último ano as exportacións de caldos galegos creceron unha media dun 10%.


Así o sinalou durante unha visita á Adega Campante, do grupo empresarial Reboreda Morgadío, este xoves en Toén (Ourense), onde resaltou os resultados obtidos por esta empresa nos mercados internacionais, onde no último ano as súas vendas creceron un 40%.


"Esta é a vía que temos que seguir" para crecer, destacou o conselleiro de Economía, que animou aos empresarios do sector para "seguir apostando pola innovación, centrados na calidade e cunha obxectivo clave, como é o da internacionalización", dixo.


Durante a súa intervención Conde resaltou a necesidade de que o tecido empresarial galego se lance sen complexos ao mercado exterior a través da mellora da súa competitividade. Para o conselleiro, trátase dun requisito que "contribúe a ser un motor na xeración de emprego de calidade".


Ademais, o conselleiro lembrou que a Xunta de Galicia mantén unha liña de axudas para impulsar a internacionalización das empresas galegas, a través da 'Estratexia de Especialización da Empresa Galega 2020'. Trátase dun proxecto que conta con varias liñas de actuación como apoios a misións empresariais no exterior ou en feiras empresariais para promocionar ou estudar mercados exteriores.


Así mesmo, o Goberno galego ten activo un plan para a promoción internacional de viños galegos en colaboración coas denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra e con Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, que se centra no mercado alemán.

POWERED BY BIGPRESS