Teresa Portela. //Foto: @deportegob twitter


A padexeira Teresa Portela métese na final olímpica dos 200m K1, nos que son os seus quintos Xogos. A deportista de Cangas pelexará mañá por volver para Galicia cunha medalla no pescozo, despois de pechar o seu pase cunha marca de 40,241 segundos que lle serviu para ser segunda na súa semifinal.


No apartado masculino, Marcus Walz tamén chega á final do K1 1000m masculino, despois dun último tramo da súa semifinal espectacular no que apertou para conseguir a terceira praza, unha táctica que lle permite pelexar por sumar unha medalla máis ao casilleiro español.


No resto da participación española, chegou tamén a hora da verdade para a selección de basket. Esta medianoite mídense a Arxentina para pasar ás eliminatorias. Os de Scariolo dependen de si mesmos para pasar a cuartos, despois de remontar coas vitorias ante Nixeria e Lituania un mal inicio da competición fronte a Croacia e Brasil.


Na auga, o dúo español de sincronizada, composto por Ona Carbonell e Gemma Mengual, disputará este luns a rutina técnica e o martes a final da rutina libre. O domingo colocáronse en cuarta posición na rolda preliminar da rutina libre e lonxe das actuais campioas olímpicas, mundiais e europeas, as rusas Natalia Ishchenko e Svetlana Romashina.


En atletismo, a primeira opción clara de medalla é a do vallista Orlando Ortega. A próxima madrugada afronta a primeira rolda de calificación nos 110 metros para meterse nas semifinais e a final que se corren un día despois.

POWERED BY BIGPRESS