Marcus Walz non deixou pasar a oportunidade e alzouse co ouro na categoría de K1-1000 nunha final espectacular este martes nos Xogos de Río. Cun tempo de 3:31.447, deu a badalada no Estadio da Lagoa. O padexeiro de 21 anos pasou o mes previo á competición olímpica adestrado en Laias, no concello ourensán de Cenlle, tal e como apuntou en Twitter o xornalista Alfonso Hermida.

Pola súa banda, a canguesa Teresa Portela volveu quedar fóra das medallas na proba do K1-200. Foi sexta na súa quinta final olímpica. En Londres quedara a só un chanzo do podio. A coroa levouna a neocelandesa Lisa Carrington, que xa gañara a serie na que Portela se clasificou para a final.

E o velocista Bruno Hortelano conseguiu o pase a semifinais cunha carreira espléndida que rematou primeiro co mellor tempo de toda a tarde: 20,12. O rexistro marca un novo récord de España na proba (estaba en 20,18) e serviulle para superar o xamaicano Yohan Blake co que compartiu serie.

En declaracións á TV, o atleta mostrouse confiado incluso en poder baixar dos 20 segundos. Gañarlle esa décima ao crono permitiríalle superar tamén as semifinais.

POWERED BY BIGPRESS