O goberno local de Jorge Suárez vén de anunciar a renuncia do contrato de subministración e mantemento eléctrico promovido polo PP no anterior mandato despois de que un informe do Instituto Tecnolóxico de Galicia avalase a remunicipalización do servizo por parte do consistorio ferrolán, informa Praza Pública.


Suárez aclarou este mércores que se trata dunha decisión “política” na que prima “o interese económico para o Concello”. É o primeiro gran contrato dunha cidade que avanza nese sentido e o alcalde subliñou que xa disponen dun informe para levalo a cabo aínda que este terá que pasar polo xefe de Contratación, Intervención e Secretaría do Concello. Suárez mostrouse convencido de que o plan poderá executarse “sen problema co apoio de toda a corporación”.


Jorge Suárez situou esta decisión na liña de remunicipalizar servizos e frear políticas antigas e prexudiciais para a cidadanía, aínda que recoñece que son "batallas duras no marco lexislativo actual". O alcalde compareceu para anunciar a decisión xunto primeira tenente de alcalde, Beatriz Sestayo, e aos concelleiros de Germán Costoya e Álvaro Montes, de Servizos e Participación.


“É unha boa decisión, plenamente xustificada. Non podemos perder o control sobre unha subministración tan esencial como é a eléctrica. É unha enorme satisfacción poder ter conseguido o primeiro obxectivo da nosa folla de ruta no camiño da remunicipalización de servizos”, concluíu Costoya. “O público para o público” fronte á “submisión ás empresas do antigo goberno de Rey Varela”, rematou Sestayo.

POWERED BY BIGPRESS