A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este venres que o Concello pedirá unha reunión coas empresas adxudicatarias das casetas e os caldeiros do polbo das festas de San Froilán.


Deste xeito, pretende resolver a polémica levantada ao redor desta adxudicación, na que a consultora madrileña Bruxa Consulting gañou os concursos de tres das catro casetas e tres dos catro caldeiros, chegando a poxar ata 10.000 euros máis do prezo de partida.


A rexedora avanzou que na reunión trasladará "a importancia" das casetas do polbo para as festas patronais de Lugo: "Trasladaremos a súa importancia pola tradición das mesmas e para que os lucenses e visitantes poidan gozar destes festexos e, por suposto, tamén dun elemento tan significativo de San Froilán como é o polbo", explicou.


Con todo, a rexedora insistiu en que o Concello "non pode limitar a competencia nin impedir que ningunha empresa se presente ao proceso de licitación".


Así mesmo, advertiu que realizarán un seguimento para "garantir" que durante o San Froilán se poida degustar o polbo. "O polbo e o San Froilán son un binomio indisociable, porque non podemos pensar no San Froilán sen pensar no polbo", resolveu Méndez.



POWERED BY BIGPRESS