Os xornalistas Marta Darriba e Kiko Novoa son os moderadores do debate electoral que conta cun "dispositivo inédito" na CRTVG que o retransmite simultaneamente pola televisión e radio públicas galegas.

Por primeira vez, o enfrontamento entre os candidatos á Presidencia da Xunta (coa presenza dos cabeza de lista de PPdeG, PSdeG, BNG, En Marea e Cidadáns) será retransmitido en linguaxe de signos a través da tvG2 --a segunda canle da Televisión de Galicia--. A emisión será en diferido a partir das 22.30 horas.

CONDICIÓNS PACTADAS

O debate, que terá lugar nun estudio que contará cunha posta en escena "especialmente deseñada" para este programa, dará comezo ás 21.30 horas, tras unha edición reducida do Telexornal, e terá unha duración de dúas horas.

As condicións do encontro foron acordadas polos representantes das cinco forzas política. Deste xeito, Feijóo (PPdeG), Leiceaga (PSdeG), Pontón (BNG), Villares (En Marea) e Losada (Cidadáns) permanecerán de pé fronte a uns atrís que formarán un semicírculo.

O debate estruturarase en cinco bloques temáticos de 20 minutos de duración: economía e emprego, sectores produtivos, políticas de benestar, rexeneración democrática e modelo institucional.

POWERED BY BIGPRESS