A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, subliñou que as prioridades da súa formación son a "creación de emprego e blindar os servizos públicos e o benestar social".


"Queremos ter, os galegos, a chave do noso diñeiro, non Montoro, para decidir desde aquí, con capacidade real, as nosas prioridades de gasto", salientou, antes de sentenciar: "Sen iso, as proclamas a favor do emprego e os servizos públicos son pouco máis que eslogans".

Ana Pontón apostou, en definitiva, por "empezar a construír unha Galicia na que as persoas poidan vivir e traballar con dignidade, dándolle a volta á Galicia máis desigual e máis pobre que deixan oito anos de desgoberno".

Pero, para iso, dixo, "non chega cun cambio de caras". "Hai que ter as ferramentas políticas que permitan decidir desde aquí sobre os propios recursos".

Así, lembrou que o BNG propón a xestión e control da totalidade dos impostos de aforro galego a través dunha facenda e unha banca públicas.

Ana Pontón, que compartiu escenario coa cabeza de lista por Lugo, Olalla Rodil, remarcou que o BNG é "clave" para que Feijóo perda a maioría absoluta e "deixar atrás oito anos de políticas da dereita, que deixan unha Galicia de paro, emigración, salarios que non permiten chegan a fin de mes e recortes nos servizos públicos e no benestar social".

POWERED BY BIGPRESS