Máis de 20 nenos beneficiáronse nos primeiros meses do banco de leite materno da xerencia compostelá do Servizo Galego de Saúde (CHUS). Ademais, entre abril e setembro de 2016, o primeiro banco de leite de Galicia obtivo a solidariedade de 36 nais doantes de toda a comunidade.


A idade media das 36 nais doantes neste primeiro banco foi de 33,7 anos, a maioría (60,6 por cento) teñen un único fillo, mentres que un 27,2 por cento teñen dous, e un 12 por cento, ata tres. A gran maioría tiveron o seu fillo nado a termo (o 75,8 por cento), mentres que o 24,2 por cento foron nais de nenos prematuros.


Nos seis primeiros meses (abril-setembro), beneficiáronse máis de 20 nenos, a gran maioría (83,3 por cento) eran grandes prematuros (menor de 32 semanas de xestación e/ou cun peso inferior a 1.500 gramos); o resto eran bebés con diversas patoloxías.


ENCONTRO DE PEDIATRÍA


Diso informou o Sergas, no marco da inauguración da 67 edición do Congreso da Sociedade de Pediatría de Galicia (Sopega), encontro que este ano se celebra en Santiago e no que se dan cita uns 200 pediatras de toda Galicia.


O comité organizador desta reunión da cuarta sociedade pediátrica máis antiga de España, que agrupa a máis de 500 membros, está presidido por José María Martinón e por Luz Couce, da xerencia sanitaria compostelá.


Na súa intervención, Luís Verde destacou a "prestixiosa traxectoria" da pediatría compostelá nos seus diversos departamentos e subliñou como última mostra o premio que recentemente recibiron os profesionais de Neonatoloxía.


De feito, acaban de ser recoñecidos como o mellor servizo de toda España polos premios BIC, outorgados pola revista especializada Gaceta Médica e a cátedra de Innovación e xestión sanitaria da Universidade Rey Juan Carlos.

POWERED BY BIGPRESS