O presidente da cooperativa Melisanto, Pablo Costoya Varela, reivindicou que as futura Cooperativas Lácteas Unidas (Clun), o proxecto froito da unión de Melisanto, Feiraco e Os Irmandiños, busca aproveitar sinerxias para darlles máis forza aos gandeiros á hora de vender os seus produtos, sobre todo o leite.


"O que temos que dar é máis servizos e de mellor calidade, pero a un menor custo. No prezo, os gandeiros pouco podemos influír. Si que podemos, uníndonos, coller forza e novas sinerxias e, a partir de aí, ter máis forza para que nos escoiten en Galicia e fóra de Galicia", defendeu, nunha entrevista na Radio Galega.


En primeiro termo, defendeu que o paso se asenta en "a eficiencia" de adaptarse aos novos escenarios económicos buscando dimensión para gañar competitividade e prestar "mellores servizos" aos asociados.


EN BUSCA DE SOCIOS


O responsable da cooperativa de Melide tamén explicou que seguirán buscando socios noutras cooperativas, incluída Xallas, de Santa Combaque finalmente se descolgou da proposta.


"Non só para Xallas, senón que se lles vai a presentar ás outras cooperativas e todas aquelas que xa coñecen o proceso poderán integrarse. Váiselles a presentar tamén a cooperativas de Asturias e Cantabria, coas que xa participamos en Delagro. Explicaremos o proxecto e que tomen as súas decisións", aseverou.


"MOITO TRABALLO"


Costoya tamén explicou que Clun é froito de varios anos de traballo entre as cooperativas.


"Lógrase con esforzo, dedicación e moito traballo. Isto é froito do traballo que levamos no proxecto estes dous anos, pero vén un pouco de máis atrás, desde que participamos en Clesa. E de aí vén a relación e dar un paso máis e facer algo que sexa bo para os nosos gandeiros", resolveu.

POWERED BY BIGPRESS