Os nenos foron os encargados de presentar, xunto con autoridades, editores e a propia fundación do autor, o conto póstumo do escritor de Vila de Cruces, 'Quique na aldea'. Fixérono no primeiro cabodano de Neira Vilas, e o lugar escollido foi a súa casa de Gres.
'Quique na aldea' é o título deste conto, cuxo protagonista é distinto ao coñecido Balbino de 'Memorias dun neno labrego', e que narra a historia dun neno que descobre a aldea nunhas vacacións cos seus avós.
"Hai xente que non tivo a sorte de nacer no rural, como Quique, e é moi bo que a xente da cidade veña coñecelo", apuntou o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, que lembrou como Neira Vilas "nunca se esqueceu da súa aldea".
Antes de despedirse, Núñez Feijóo dirixiuse aos nenos para afirmar que a Neira Vilas "gustaríalle" que lesen e que "crecesen con coñecemento".