Imaxe do Rali San Froilán. //Foto: @iavius_fasto


Os pilotos de rali da provincia de Lugo poden solicitar desde hoxe as axudas dun total de 45.000 euros que acaba de convocar a Deputación provincial, a primeira en España que ofrece subvencións específicas para os profesionais do automobilismo. O prazo para facer a solicitude remata o xoves.


Os interesados poden atopar toda a información e o modelo de solicitude na web da Deputación de Lugo. O ente provincial informa de que as axudas terán unha contía mínima de 400 euros e unha contía máxima de 7.000. Poderanas recibir aqueles pilotos lugueses federados que participasen no 2015 nun mínimo de dúas probas organizadas polas federacións nacional ou galega de automobilismo.


Coas axudas, buscan cubrir gastos diversos, que van desde inscrición, de transporte e incluso a compra ou aluguer do vehículo de competición e a a adquisición dos pneumáticos do vehículo.


Os criterios para a concesión, tal e como informa a Deputación de Lugo, réxense por criterios obxectivos e sociais. Así, contarán o palmarés, o ránking oficial e a participación en probas federadas. Valorarán, ademáis, a concorrencia de pilotos con capacidades diferentes, mulleres e pilotos menores de 30 anos.

POWERED BY BIGPRESS