A CIG e A Mesa Pola Normalización Lingüística presentaron este luns na sede da Valedora do Pobo unha queixa conxunta na que piden á titular da institución, Milagres Otero, que se dirixa á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para instala a que garanta "o máximo equilibrio posible" entre o galego e o español durante a ESO.


En concreto, no texto presentado este luns polo responsable da CIG-Ensino, Anxo Louzao, e o presidente da Mesa, Marcos Maceira, solicitan que, "como mínimo, mentres non se derroga o Decreto 19/2010", a Xunta posibilite o "máximo equilibrio posible nas horas semanais e nas materias impartidas nas dúas linguas oficiais, de forma homoxénea para as materias troncais, específicas e de libre configuración autonómica".


ENTRE 10 E 13 HORAS DE DIFERENZA


E é que, segundo explicou en declaracións aos medios Anxo Louzao, "desde o punto de vista legal" e "por obra e graza da Consellería de Educación" o galego ten "un tratamento marxinal e de discriminación" na Educación Secundaria Obrigatoria. "Hoxe a carga horaria das materias para impartir en lingua galega en toda a ESO ten un desequilibrio en relación ao español de 13 ou 10 horas, dependendo se o alumno opta polos ensinos aplicados ou académicos", sinalou.


Así, censurou que as materias impartidas en galego "somen só 18 ou 20 horas" fronte ás 31 impartidas en castelán. "A Consellería de Educación non moveu nin un só fío para modificar esta situación de total discriminación e marxinalidade do noso idioma cando ten o mandato legal de promover a normalización lingüística", apuntou.


Pola súa banda, o presidente da Mesa lamentou que coa Lei Orgánica de Mellora para a Calidade Educativa (LOMCE), a Xunta reduza "aínda máis a carga lectiva do galego", unha presenza xa de seu reducida polo decreto do plurilinguismo e cuestionada por distintas "institucións galegas e internacionais".


"A Consellería de Educación ten competencias para actuar e teno que facer inmediatamente", manifestou Marcos Maceira, que avanzou que A Mesa iniciará un calendario de mobilizacións para que se modifique e levará o asunto ás institucións internacionais que "xa se situaron en contra" de varios postulados incluídos no decreto do plurilinguismo.


INFORME PISA


Por outra banda, Anxo Louzao criticou que o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vinculase a mellora dos datos para Galicia recollidos polo Informe Pisa co decreto do plurilinguismo. "Iso é unha barbaridade, unha propaganda e un insulto á intelixencia dos galegos", sinalou.


Neste sentido, asegurou que esa declaración "non ten ningunha base" e que no "único que é exitoso" este decreto é en que "cada día o galego como lingua vehicular na educación perde peso".


O BNG SÚMASE Á CAUSA POLA VÍA PARLAMENTARIA


Ademais, o BNG dixo "sumarse" a estas demandas e vai reclamar que se equiparen as horas lectivas en galego coas que se imparten en castelán a través de varias iniciativas que defenderá no Parlamento, para evitar a discriminación da lingua propia no ensino secundario, tanto nas materias aplicadas como nas académicas.


A portavoz en Educación, Olalla Rodil, considera que estes datos son o reflexo “de implantar unha lexislación lesiva para o galego”, ao que se suma o incumprimento da Lei de normalización lingüística. Por iso, demanda na Cámara a derrogación do decreto 79/2010 que impide impartir en galego materias como matemáticas, tecnoloxía ou física e química, que se cumpran a mencionada lei así como o Plan xeral de normalización lingüística.



POWERED BY BIGPRESS