O director xeral da DXT, Gregorio Serrano, abriu a porta a unha revisión do carné por puntos nun ano no que se rexistrou un incremento dos falecidos nas estradas españolas. "A DXT é plenamente consciente de que debemos pararnos, avaliar e decidir o futuro do carné por puntos", afirmou Serrano tras coñecerse que os mortos de 2016 superarán aos de 2015 -1.131 falecidos-, despois dun descenso continuado desde 2003.


Neste sentido, o responsable de Tráfico sinalou na súa última rolda de prensa do ano, que a cifras de mortos rexistradas en 2016 "non son boas" e engadiu que, neste punto, a DXT "ten o reto e responsabilidade por diante de seguir traballando".


Así, Serrano subliñou que "2017 será un ano clave" e "no que hai moito camiño por diante, con reformas lexislativas como o Pacto de Estado; renovar o parque automobilístico; ou seguir mellorando na conservación das vías". "Temos claro que non podemos facelo sós e entre todo hai que ir mellorando", indicou.


Nesta liña, o director da DXT sinalou que o Pacto de Estado pola seguridade viaria ten que establecer que medidas se poñen sobre a mesa e que medidas fan falta para que o carné por puntos sexa un sistema útil para a redución da sinistralidade". A xuízo de Serrano, cando se cumpren dez anos da implantación deste sistema, é o momento de sentar e ver en que aspecto foi positivo o carné.


En todo caso, puntualizou que entre as causas do repunte de mortos atópase "o aumento de entre un 5% e un 6% do número de desprazamentos tras a recuperación económica; ou causas clásicas como o menos uso do cinto de seguridade, alcol e drogas, exceso de velocidade, que é onde a DXT ten que atacar. Por iso, destacou a necesidade de incidir na educación e concienciación.

POWERED BY BIGPRESS