Nos últimos anos os concellos galegos atopáronse con dificultades á hora de contratar no verán socorristas para as súas praias, en parte pola falta de aspirantes. Para intentar solucionar esta carencia, a Deputación da Coruña decidiu actuar pola vía da formación. Así, acaba de sacar a licitación, por un importe máximo de 129.000 euros, os servizos de impartición de cursos de formación en socorrismo acuático dirixidos a persoas desempregadas.


Segundo informa o organismo provincial, os cursos serán gratuítos e estarán abertos a todos aqueles habitantes dos concellos da provincia nas súas tres sedes: A Coruña, Santiago e Ferrol.


En cada zona, impartiranse dúas formacións, unha da especialidade en espazos acuáticos naturais e outra en instalacións acuáticas cuxos custos asume integramente a Deputación.


O número de asistentes será dun máximo de 15 persoas por edición polo que as prazas ofertas ascenden a 90 en toda a provincia, 45 deles poderán traballar nas praias. Os beneficiarios serán designados polo equipo técnico do proxecto entre as persoas que resulten admitidas nos procesos de selección realizados nos municipios.

POWERED BY BIGPRESS