O antropólogo e escritor vigués Rafael Quintía Pereira foi galardoado co Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, que este ano cumpre o seu XVI edición, pola obra 'Mariña, de deusa a santa. A advocación de Santa Mariña na cristianización da Gallaecia', do que destaca "a prosa áxil e fluída na que está escrito".


Así o comunicou a Xunta, que convoca este premio a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística xunto á Editorial Galaxia, e coa colaboración de Gas Natural Fenosa. O galardón está dotado con 3.000 euros e a publicación do traballo pola editorial.


O xurado conformárono Luís Alonso Girgado, Carlos Lema, Marilar Aleixandre, Uxío Labarta e Inma López Silva, que elixiron por maioría esta peza, da que tamén puxeron en valor "a inserción do ensaio nunha tradición que crava as súas raíces no traballo do Seminario de Estudos Galegos".


Este traballo galardoado co Premio Ramón Piñeiro de Ensaio céntrase na apropiación dos mitos célticos por parte do cristianismo, exemplificados a través das múltiples Santas Mariñas en Galicia, cuxos espazos, fontes, árbores e lagoas sacras foron convertidos en culto cristián.


Rafael Quintía Pereira é licenciado tanto en antropoloxía social e cultural como en ciencias económicas e empresariais, e tamén é músico tradicional, escritor e documentalista. En concreto, é autor dunha decena de ensaios e gañou o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais e o Premio de investigación Luís Cadrado.

POWERED BY BIGPRESS