#Claves de la semana

​Crise no PSdeG polos cambios nas listas

A presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, solicitou aos críticos coas candidaturas do partido “coherencia”, e emprazounos a “enterrar a machada de guerra”.


|

Cancelapsoe


O PSdeG enfróntase estes días a unha crise interna liderada por diferentes colectivos dentro do partido cun denominador común: as listas “retocadas” de Ferraz. A Abel Caballero, que xa mostrara a súa disconformidade coas listas a semana pasada ó considerar que “relegan Vigo a un segundo posto”, súmanselle agora o descontento das Xuventudes do partido e os recursos á aprobación das listas de Santos Héctor e Raúl Fernández por Pontevedra e Ourense respectivamente.


Deste xeito, a presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, solicitou aos críticos coas candidaturas do partido para as eleccións galegas "responsabilidade e coherencia". "As descualificacións nunca deben ser a forma cotiá de traballar. Eu creo que non nos favorece nada, sobre todo, aos partidos de esquerda, que sempre somos máis vivos á hora de trasladar a nosa vida interna ou os nosos posicionamentos diferenciados", defendeu a socialista galega, quen tamén emprazou aos críticos para "respectar a posición que marque o partido en cada momento".


Preguntada por se serán os socialistas capaces de enterrar o machada de guerra, Cancela mostrouse convencida de que si: "Estou plenamente convencida de que a partir deste fin de semana quedará enterrada".


XUVENTUDES SOCIALISTAS


A Comisión Executiva Nacional Galega das Xuventudes Socialistas, reunida en pleno este venres, acordou por unanimidade a remisión dunha carta co fin de manifestar e deixar constancia do "malestar" da organización xuvenil do PSdeG co proceso de confección das candidaturas socialistas para as próximas eleccións galegas.


A través dun comunicado indicaron que, "lonxe de recibir unha soa chamada para incluír a voz nova" nas propostas que se remitirían, "o único" que recibiron, subliñaron, foi "o silencio máis ferinte".


Despois dunha reunión entre as Xuventudes Socialistas, a presidenta da xestora e o candidato para mostrarles o seu “malestar”, díxoselle que se “tentaría emendar o erro” pero nunca tiveron unha soa noticia dende a celebración da dita reunión, polo que se sinten “traizoados”, apostilaron.


A continuación, consideran que as listas son un "erro político" que levará que a mocidade galega "non se vexa representada e identificada". Con todo, aseguraron que respectan as decisións adoptadas polos órganos competentes do partido, así como as listas definitivas.


O que si precisaron é que serán "independentes" á hora de realizar a campaña, onde se deixarán "a pel". "Quizais, algún día nos necesitaredes e non estaremos", finalizaron.


PONTEVEDRA


O secretario da Comisión Executiva Provincial de Pontevedra do PSdeG-PSOE, Santos Héctor Rodríguez Díaz, acaba de presentar un recurso con motivo do procedemento seguido para a aprobación da lista correspondente á provincia de Pontevedra para as próximas eleccións autonómicas.


E é que, en opinión do socialista, vulnerouse a normativa orgánica reguladora da selección de candidatos, tal e como se expón no recurso dirixido á Comisión Nacional de Garantías e á Comisión Xestora Nacional do PSdeG; á Comisión Federal de Listas; e ao secretario de Organización do PSOE, César Luena.


Santos Héctor lembrou no recurso que as asembleas das agrupacións propuxeron á Executiva e ao Comité Provincial os nomes dos candidatos cos que se elaborou a proposta de candidatura do PSdeG-PSOE, que foron aprobados por 16 votos a favor e 10 abstencións; así como polo Comité Provincial por 80 votos a favor, 44 abstencións e 1 voto nulo.


Acto seguido, criticou que nin a Comisión Nacional de Listas de Galicia nin o Comité Nacional de Galicia se reuniran para a aprobación da lista electoral, á vez que condenou que, con todo, a lista finalmente aprobada pola Comisión Federal de Listas é distinta da aprobada polo Comité Provincial de Pontevedra.


Por todo iso, o recurso defende a "nulidade" da aprobación da lista electoral por "incumprimento" da normativa de selección de cargos públicos, e o mantemento da aprobada polo Comité Provincial de Pontevedra.


OURENSE


Raúl Fernández emulou a Santos Héctor e denuncia tamén "unha vulneración na normativa" de elección ao non convocarse os órganos galegos do partido.


O secretario xeral provincial do PSOE en Ourense, presentou un recurso ante os órganos federais do seu partido para pedir a anulación da candidatura da súa provincia ás eleccións galegas do próximo 25 de setembro.


No seu escrito, segundo un comunicado remitido aos medios, argumenta que a lista non "reflicte o sentir das agrupacións locais" e pide que se manteña a proposta elaborada pola dirección provincial e que foi referendada polo comité provincial. E é que, ao seu xuízo, produciuse "unha vulneración na normativa" de elección.

relacionada ​Os cambios nas listas do PSdeG ensombrecen a presentación das candidaturas
relacionada Caballero sobre el "cambiazo" en las listas: "Leiceaga no tendrá mi silencio"
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE