miércoles, 16 de agosto de 2017 19:29




Número de contacto (34)678803735

redaccion@galiciapress.es

Nacións sen estado

Manuel Fernando González
Manuel Fernando González

Galleguistas

Recibimento de galeguistas en Barcelona


Dígoo co meu corazón de galego e galeguista de toda unha vida. Os 'progres' de esquerda e os independentistas actuais teñen a mala costume de identificar como nacións sen Estado tan só a Euskadi e Catalunya. E cada vez que o fan, por exemplo o militante Sánchez, na súa comparecencia pactada co colega Évole, métena ata a entreperna. Se se fixasen nos seus avós, posiblemente descubrirían unha palabra chamada Galeusca, que tanto lle gustaba pronunciar ao tamén galego Castelao, que funcionou fraternalmente durante a Segunda República irmandando politicamente a Galicia, Catalunya e Euskadi, mesmo durante o longo exilio de nosa posguerra civil. Nada, nin lles importa, non queren saber nada destas cousas, e a boca só se lles enche dunha xerga insultante coa que pensan encher os petos de votos que lles permitan alcanzar o poder, pero con maiúsculas.


E digo eu, é a España actual igual ou parecida á que deu o pistoletazo de saída ás chamadas nacións sen estado? Pois, a min, paréceme que non. Hoxe ninguén se atrevería, salvo os arriba citados, a menosprezar o feito nacional andaluz, por exemplo. E, aínda que o seu concepto de nación non lle impida querer vivir na España que tanto desprezan algúns políticos cataláns ou vascos, o seu amor e peculiar sociograma é tan válido como aqueles que se consideran propietarios exclusivos do feito diferencial e presumen diso. O mesmo sucede con asturianos ou canarios e, se me permiten a licenza, con estremeños, valencianos ou cántabros, etc.


Así pois, deseñar unha España Federal, tendo só en conta as peculiaridades de vascos e cataláns é unha barbaridade histórica e, sobre todo, sociolóxica, que convida a dar manga ancha ao sectarismo excluínte ou aos privilexios das castes familiares como sucede xa en Catalunya. E como queira que o espírito centralista e centralizador, grazas a tanto listo, renaceu, bo será que canto antes nos sentemos a falar en serio de España moito mellor. Pero non da España dos intereses tribais, senón da España real, tan rica en matices e linguas e tan necesitada de sentido común e políticos de Estado.


Se non o facemos pronto e non da maneira, tan oportunista como barriobaixeira que propugnaba na tele o militante Sánchez, imos enganchar de tal maneira que, unha vez máis, haberá disputa con gañadores e perdedores, que dexenerará nunha grave pelexa que, ademais de ser innecesaria, deixará marcado para varias xeracións a este ou a calquera país que faga o mesmo, por moi civilizado que sexa. E, como todos ben sabemos, o noso, por desgraza, xa debería ter escarmentado.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condiciones de uso Consejo editorial
Powered by Bigpress