Como xa fixo hai uns días a Coordinadora Anti-privatización da Sanidade Pública, dende a Federación de Sanidade de CCOO de Galicia tamén critican o que consideran como a “campaña electoral permanente» do Sergas, que acaba de anunciar un investimento «millonario» en horas extra do persoal para tentar reducir un 12% as listaxes de espera.


Aseguran que non existen “solución máxicas”, falan de “improvisación” e chaman á Xunta a aplicar un “plan de choque” contra as listaxes de espera, que pase por poñer os servizos sanitarios públicos “a pleno rendemento”, sen pechar servizos e plantas durante o verán e abrindo quirófanos e servizos centrais polas tardes.


Rexeitan o recurso ás horas extra en atención especializada e primaria, pedindo que sexa contratado o persoal necesario das listaxes de contratación do Sergas.


Aseguran que con estas medidas se poderían reducir as listaxes de espera en “case vinte mil persoas” durante os tres meses do verán, unha época considerada como axeitada grazas á “menor incidencia de doenzas respiratorias”. 

POWERED BY BIGPRESS