Con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lanza esta semana a campaña de Twitter e Facebook #NonDifundasMachismo, coa que quere concienciar contra a persistencia de tratamentos machistas nas informacións dos medios de comunicación.


A campaña #NonDifundasMachismo, que estará en marcha ao longo desta semana, consiste na publicación a través de Twitter e Facebook de titulares, informacións ou imaxes que exemplifiquen distintos estereotipos e comportamentos que continúan a tinxir de sexismo a imaxe das mulleres nos medios de comunicación. Todos os exemplos irán acompañados dunha pequena explicación e do hashtag #NonDifundasMachismo.


Desde o Colexio de Xornalistas chámase a compartir os distintos chíos para visibilizar o problema da persistencia de tratamentos machistas nos medios, así como a compartir calquera outro tipo de exemplos destas prácticas sexistas usando o hashtag #NonDifundasMachismo.


O propio Colexio publica na súa conta de Twitter o exemplo de Carolina Marín, a xogadora española de bádminton que  logrou a medalla de ouro nos Olímpicos de Río de Janeiro, que nalgúns medios foi "infantilizada", como explican no chío os xornalistas. 



Ou estoutro exemplo de titular sexista que tamén comparte o Colexio de Xornalistas sobre o momento no que  Pedro Sánchez se emocionou ao entregar a acta de deputado.


Nesta peza de información faise referencia ao aspecto físico dunha porteira de balonman en Río de Janeiro, tamén compartida polo Colexio de Xornalistas de Galicia. 



POWERED BY BIGPRESS