SOS Desaparecidos recibe un correo electrónico asinado por Diana Quer
O texto mandouse desde un servidor sen dirección de envío, e asegura que a moza está "fóra de España".
O responsable da Asociación SOS Desaparecidos, Joaquín Amills, vén de facer pública a recepción dun correo electrónico asinado por Diana Quer no que asegura estar ben e que se atopa no estranxeiro: "Hola, estoy bien, necesito estar un tiempo fuera de España. Saludos, Diana Quer", reza o conciso texto recibido ás tres da madrugada deste mércores.
O correo xa foi remitido á Garda Civil que se encarga do caso en Madrid. O propio Amills di estar "convencido" de que a moza madrileña non é a autora do texto, dado que se fose ela enviaríallo á familia primeiro, pero sobre todo polo descoñecemento de Diana Quer dos métodos informáticos empregados para enviar un correo electrónico sen dirección de envío e a través dunha plataforma onde a primeira pantalla que se emprega de IP é de EEUU e a segunda, un servidor do Canadá, segundo informa hoxe Antena 3.
Desde SOS Desaparecidos afirman que é habitual recibir correos electrónicos diarios con informacións, e incluso insultos ás familias, pero o que "non é tan normal", segundo o responsable, é a usurpación de identidade, polo que de lograr a identificación do redactor do correo procederán a denuncialo e pedir que se aplique a máxima pena que recolle o Código Penal.
Aínda que Amills non cre que o correo fose escrito por Diana Quer pero si afirma que "son moitas molestias para ser unha broma" dado o método sofisticado co que se fixo o envío.
Escribe tu comentario