#Claves de la semana
CONCELLO DE A CORUÑA

O PP gastou ata xuño no Concello da Coruña 21 millóns máis dos que ingresou

A comparativa entre 2014 e 2015 a comezos de xuño desvela que neste ano, de carácter electoral, creceu un 172% o saldo pendente de pago


|

Máis de 21 millóns de euros de balance negativo ao superar a porcentaxe de gastos (31%) a dos ingresos (23,5%) acadados no que vai de ano. Esa é a situación que vén de atopar o novo goberno da Marea Atlántica no Concello da Coruña, un desfasamento económico nesta primeira metade de ano que "preocupa" e moito ao executivo, que "non esperaba tal desequilibrio" e que deberá tirar de "imaxinación" e de algo máis para compensar esta falta de previsión. "Non foron prudentes na xestión económica de María Pita", din sobre o anterior goberno local do PP.


O caso é que hai impostos e partidas que non se achegan nin un pouco ás previsión que realizara o executivo municipal de Carlos Negreira ao comezo do ano. Pero ademais, o primeiro pleno ordinario deste novo mandato comezará xa forte: hai que debater o pagamento de 3,6 millóns de euros de facturas irregulares, cartos que non estaban incluídos no orzamento inicial pero que se teñen que recoñecer e abonar. A maior parte desta cantidade (2,3 millóns) corresponden á Compañía de Tranvías por conceptos como a liquidación do déficit do tranvía turístico e ás subvencións ao prezo do autobús. Ademais, facturas de Albada, compañías eléctricas, gastos de publicidade e ata dúas "significativas" facturas pendentes de pago por asesoramento xurídico externo sobre o edificio Fenosa.


O goberno da Marea fixo públicos os datos económicos “en coherencia coa súa aposta pola transparencia”. E as cifras son desoladoras, deixando unha situación "moi mala". A recadación municipal non é a que se orzamentara, por exemplo no caso do imposto de plusvalías. O executivo local de Negreira calculou un ingreso de 5,2 millóns neste ano e nos primeiros seis meses tan só se conseguiu 1,73 millóns, un terzo.


A situación aínda é peor no caso dos ingresos previstos no ámbito da construción. O tributo de construcións e obras (ICIO) recaudou no que vai de ano o 21,5% do previsto a final de ano (pouco máis de 900.000 euros fronte aos 4,2 millóns agardados) e as licenzas urbanísticas deixaron na arca do Concello menos de 46.000 euros, o 3,8% dos 1,2 millóns que se prevén para manter o equilibrio económico. Tampouco nas multas houbo maior sorte: 1,4 millóns dos 5 millóns estimados, menos do 30%.


Xa que logo, a Marea cre que os anteriores gobernantes "non foron prudentes co gasto, asumindo obrigas sen dotación orzamentaria e cun manifesto exceso de sobrevaloración de ingresos, afastada da realidade". Algo que, ademais, "verase agravado cando se impute ao orzamento corrente a totalidade das facturas pendentes de recoñecemento e que foron presentadas ao pago polos acredores e provedores varios".


O desfasamento económico traerá consecuencias. A primeira, que o goberno da Marea terá que ser máis "imaxinativo" ca nunca e que as prioridades de gasto quedarán claramente marcadas. O refinanciamento e a renegociación nos pagos pendentes dalgunhas grandes obras sería outra opción no caso de que o desequilibrio orzamentario achegue máis sorpresas nos vindeiros días.


Tanto os grupos do PSdeG como do BNG no Concello aseguraron que este "desfasamento" orzamentario foi denunciado durante todo o mandato de Carlos Negreira á fronte do Concello. Os socialistas poñen como exemplo o"a substración dos beneficios de Emalcsa; 22 millóns de euros soterrados no túnel da Mariña". Pola súa banda, Avia Veira, voceira do Bloque, aposta por "modificar o sistema fiscal e revisar todas as concesións administrativas porque moitas supoñen un prexuízo para o municipio". O PP, pola contra, pide á Marea que "non busque escusas". 


Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE