#Claves de la semana
DATOS DO INSTITUTO NACIONAL DE ESTATÍSTICA

Galicia perde máis de 10.000 habitantes e rexistra o peor saldo vexetativo de España

Descende o número de nacementos en Galicia en 2014 e cae un 1,6% a taxa de defuncións


|

O número de nacementos descendeu en Galicia en 2014 dos 19.727 rexistrados en 2013 a 19.626 o exercicio pasado, mentres que a taxa de defuncións caeu un 1,6 por cento. A Comunidade galega rexistrou o peor saldo vexetativo de poboación de España, coa perda de 10.299 habitantes.


Así o recolle o Instituto Nacional de Estatística (INE) no estudio 'Movemento Natural da Poboación' que reflicte os indicadores demográficos básicos de 2014.

Segundo os datos provisionais publicados este luns no INE, o número de nacementos en Galicia caeu dos 22.047 en 2010 a 19.727 en 2013 e aos 19.626 rexistrados en 2014. Deste modo, a taxa de variación sitúase no -0,5 por cento na Comunidade galega, a quinta pola cola xunto con Aragón.

O INE indica que a taxa bruta de natalidade en Galicia é de 7,2 nacementos por mil habitantes, a segunda máis baixa, tras a de Asturias (6,3), mentres que a media nacional está en 9,1.

Por provincias, en 2014 naceron 4.318 varóns e 3.911 mulleres na da Coruña; 3.874 e 3.518, respectivamente, na de Pontevedra; 1.100 e 1.050 en Lugo; e 967 varóns e 888 féminas na de Ourense.

DEFUNCIÓNS

Pola súa banda, as defuncións en Galicia reducíronse das 30.433 en 2013 ás 29.925 en 2014, segundo os datos provisionais do INE, que sitúan a taxa de variación anual no -1,67 por cento.

A Comunidade galega conta coa terceira taxa bruta de mortalidade máis elevada de España, de 10,9 por mil habitantes, segundo os datos correspondentes a 2014, por enriba da media nacional de 8,5.

En canto á esperanza de vida ao nacemento, en Galicia está nos 83 anos, o que iguala a media nacional e a coloca como a oitava autonomía coa cifra máis elevada.

SALDO VEXETATIVO

Segundo os datos do INE, o saldo vexetativo -nacementos menos defuncións- foi negativo en nove comunidades autónomas, sete das cales, entre elas Galicia, xa presentaban saldo vexetativo negativo en 2013.

En España, con estas cifras, 2014 bota un crecemento vexetativo un 11,6 por cento menos que no ano anterior: 31.678 persoas, o saldo máis baixo dende o ano 2000. Ademais, foi negativo (máis mortes que novas vidas) en nove comunidades; Galicia, Castilla e León, Principado de Asturias, Aragón, Extremadura, País Vasco e Cantabria, que xa presentaban números vermellos en 2013, e La Rioja e Castilla-La Mancha, que se suman en 2014.

O número de nacementos aumentou en 10 comunidades autónomas durante 2014, con maiores incrementos en Canarias (3,1%) e Extremadura (3,0%) así como nas cidades autónomas de Ceuta e Melilla (10,6% e 7,6%, respectivamente). O número de defuncións aumentou en todas as comunidades, salvo en Extremadura, Galicia e a cidade autónoma de Ceuta.

Un total de 426.303 nenos e nenas naceron en España o ano pasado, 588 máis que durante o anterior, o que implica unha suba do 0,1 por cento, a primeira tras cinco anos de caídas consecutivas. Non obstante, as defuncións incrementáronse no mesmo período un 1,2%, con 395.045, o que deixa o crecemento vexetativo en 31.678 persoas, o saldo máis baixo dende o ano 2000.

Ademais, segundo os datos do INE por primeira vez na historia, a esperanza de vida ao nacer dos españois alcanzou os 83 anos, media na que se sitúa a Comunidade galega.

Sobre os nacementos, a enquisa reflicte que dende 2008, cando naceron 519.779 nenos (o máximo en 30 anos), o número de nacementos se reduciu un 18%. O ano pasado, con 426.303 nenos, produciuse o primeiro incremento en cinco anos, aínda que foi do 0,1%, polo aumento de fillos por muller: de 1,27 en 2013 a 1,32 en 2014. Con todo, non afectou á taxa bruta de natalidade, que se mantivo en 9,1 por cada mil habitantes.

Mentres, volveu reducirse o número de mulleres en idade fértil (de 15 a 49 anos) que se sitúa en 10,98 millóns fronte aos 11,61 de 2009 porque, conforme explica o INE, "chegan a ese rango de idades xeracións menos numerosas nacidas durante a crise de natalidade dos 80 e primeira metade dos 90", pola "menor achega da inmigración exterior" e polo "maior número de emigracións ao exterior dos últimos anos".

Sobre migracións, detalla que dos 426.303 nacementos, o 17,8% foron de nai estranxeira, cando un ano antes representaban o 18,6%. Entre as foráneas o número de fillos por muller situouse en 1,61 fronte ao 1,27 das españolas. Ademais, volveu subir a idade media de maternidade, que se sitúa xa en 31,8 anos fronte aos 31,7 de 2013 ou os 30,8 do ano 2007. Non obstante, entre as estranxeiras é de 29,3 anos e entre as españolas, de 32,3.

O apartado de mortalidade da enquisa indica que o ano pasado pereceron en España 395.045 persoas, un 1,2% máis que no exercicio anterior, cunha taxa bruta de 8,5 defuncións por mil habitantes, 0,2 puntos máis. A de mortalidade infantil quedou en 2,9 falecementos por cada mil nacidos vivos, dúas décimas máis que en 2013.

MATRIMONIOS

Ademais, segundo expón o INE, en 2014 casaron 158.425 parellas, un 1,3% máis que en 2013, e a taxa bruta aumentou a ata 3,4 matrimonios por mil habitantes, unha décima máis que no ano anterior. No caso concreto de Galicia, en 2014 rexistráronse 8.799 matrimonios, o que supón 226 máis que os 8.573 contabilizados en 2013 na comunidade.

A idade media ao matrimonio mantivo a súa tendencia crecente a situarse en 36,9 anos para os homes e 34 para as mulleres en España. No 16% dos matrimonios celebrados con cónxuxes de distinto sexo, polo menos un deles era estranxeiro. Esta porcentaxe é inferior ao de 2013 (que foi do 18,1%). Pola súa banda, un 2,1% do total de matrimonios rexistrados corresponderon a parellas do mesmo sexo (3.300 matrimonios). 

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE