O xornalista Xaquín López denuncia intimidación por parte de Sito Miñanco
A Asociación da Prensa de Madrid (APM) acolleu a solicitude de amparo do xornalista Xaquín López en relación cos intentos do narcotraficante José Ramón Prado Bugallo, alias “Sito Miñanco”, de "impedir o seu libre exercicio do xornalismo coa presentación de varias querelas criminais por presuntas calumnias".

José Ramón Prado Bugallo, "Sito Miñanco"
A Xunta Directiva da Asociación da Prensa de Madrid (APM) acolleu a solicitude de amparo do xornalista Xaquín López, en relación cos intentos do narcotraficante José Ramón Prado Bugallo, alias “Sito Miñanco”, de "impedir o seu libre exercicio do xornalismo coa presentación de varias querelas criminais por presuntas calumnias".
A APM rexeita tales intentos e apoia plenamente a tarefa xornalística de López, reporteiro de investigación dos telexornais de TVE, con trinta anos de traxectoria profesional nese medio. Está especializado en asuntos de crime organizado, mafias internacionais e narcotráfico.
A APM considera que as querelas que só pretendan intimidar os xornalistas e supoñen "unha intolerable vulneración dos dereitos constitucionais á liberdade de expresión e de información".
“Sito Miñanco” presentou dúas querelas criminais contra Xaquín López, a primeira en decembro de 2011, que foi arquivada en dúas ocasións polo xulgado de Instrución número 20 de Madrid, e a segunda por mor dunha reportaxe emitida o pasado 15 de abril.
Na reportaxe que suscitou a primeira querela, o xornalista denunciaba unha suposta trama de corrupción no cárcere de Huelva na que presuntamente estaba implicado Prado Bugallo, condenado por tráfico de drogas. Por mor desa denuncia xornalística, Institucións Penais cesou fulminantemente ao director do cárcere.
O motivo da segunda querela por presuntas calumnias é a referencia, na reportaxe ao "avultado patrimonio que conserva Sito Miñanco non só en Galicia senón tamén no estranxeiro"
Escribe tu comentario