#Claves de la semana
REFORMULANDO A POLITICA PROVINCIAL

Manuel Baltar propón un novo financiamento local, imbricado conxuntamente co autonómico

Nin a Constitución nin o Estatuto son inmutables; non son o problema, son a solución, porque fixan procedementos para reformalos".

Pide "un gran pacto político demográfico" ante o problema da crise demográfica, "que leva aparellada unha consecuencia clara: a perda de peso específico dun territorio".


|


BaltarNEF28092015

Manuel Baltar, protagonizou hoxe en Santiago o almorzo-coloquio do "Fórum Europa Tribuna Galicia", que organiza Nueva Economía Fórum, coa conferencia titulada "Reformulando a política provincial".


O acto, tivo lugar no Parador dos Reis Católicos, e contou coa presenza de máis de douscentos asistentes dos ámbitos institucional, político, empresarial, cultural e social. Foi presentado pola presidenta do Consello Económico e Social, Corina Porro.


O Presidente da Deputación de Ourense, reivindicou a inclusión da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) no Consello de Política Fiscal e Financeira. Baltar, que desde o pasado 20 de setembro forma parte da Xunta de Goberno da FEMP, pediu tamén "un gran pacto político demográfico" ante o problema da crise demográfica, "que leva aparellada unha consecuencia clara: a perda de peso específico dun territorio". "Trátase –dixo- dunha grave ameaza que esixe un gran pacto político con medidas urxentes a todos os niveis territoriais. Aprobar unha folla de ruta común inatacable, sen terreo para a demagoxia, sen frivolidade política, sen utilización partidista. Con actuacións que equilibren o territorio, que non abran máis fendas e que reduzan as existentes".

Destacou a transparencia como "liña estratéxica institucional" e dixo que o Plan Ourense 15-19 –o documento que marca a senda do goberno provincial ourensán neste período- "inclúe a posta en marcha da primeira Plataforma Provincial de Participación Cidadá de España".


Tivo tamén un recoñecemento para concelleiras e concelleiros, alcaldes e alcaldesas, "eses que saben que ser alcalde é bastante máis que reducilo déficit ou o prazo de pago medio a provedores. A política é algo máis. A política entra no terreo dos sentimentos e das emocións, das aspiracións do colectivo, dun benestar que non se mide só coas estatísticas", e destacou que a política municipal, o contacto permanente cos dirixentes dos concellos, "proporciona a seguridade de contar co pulso dun territorio, dunha provincia. O contacto reiterado ao longo do mes, do ano, do mandato. Falar cunha media diaria de 16 alcaldes ou alcaldesas proporciona unha foto moi aproximada da realidade e das expectativas dunha comunidade", expresou.


A importancia da provincia


Manuel Baltar afirmou que a provincia "non é só unha circunscrición electoral" e dixo que "visión" e "cooperación" son palabras clave para facer provincia. "Para min a máis importante é "visión". E saúdo a tese doutoral que se está a elaborar na universidade galega, por Jardón Ferreiro baixo a dirección do doutor Orosa, sobre a creación dunha marca territorial baseada na identidade competitiva como estratexia de posicionamento xeo-local: a Ourensanía. Unha tese que terá a oportunidade de expoñerse en México, na Universidade Autónoma de Ciudad Juárez, no XV Congreso Internacional sobre Integración Rexional, Fronteiras e Globalización. Unha oportunidade para estudar a aplicabilidade dos postulados teóricos do Place Branding aos 7.273 km2 do territorio ourensán".


Financiamento


Manuel Baltar, refiriu estamos no momento "de abordar a reforma do sistema de financiamento de comunidades autónomas e entes locais. Unha abordaxe que debe practicarse de xeito simultáneo: subsistema autonómico e subsistema local. Ao mesmo tempo para que non haxa preponderancia de un sobre o outro e para deseñalo tendo en conta unha perspectiva de conxunto, ideal para a acción política duradeira. Pensemos sempre no medio e longo prazo e fuxamos do "curtopracismo". Un momento histórico no que chegou tamén a obriga de contar co municipalismo español no Consello de Política Fiscal e Financeira. Será entón o momento de completar a frase citada e falar de "unha administración, unha competencia, un financiamento".


Novo escenario


"O 24 de maio", dixo, abriuse un escenario "onde pasei de ser o presidente de deputación galega con menos tempo no cargo ao presidente decano dos gobernos provinciais galegos, por obra e graza das urnas. As negociacións para conformar goberno provincial duraron once horas, exactamente as que transcorreron dende a apertura dos colexios electorais ata o seu peche. Un acordo cos cidadáns de Ourense. Non presidentes sorpresa nin presidentes por comenencia. Presidente que quería ser presidente. Non perder nin un minuto dende o escrutinio".


Transparencia


Referíndose á transparencia, Manuel Baltar destacou que se trata "dunha actitude, unha liña estratéxica institucional que habita nun piar inexcusable na democracia, tal e como a entendemos hoxe en día", e engadiu que na democracia actual, seguindo o pensamento de Jurgen Habermas, "temos que escribir con maiúsculas verbas como SOCIEDADE, DIÁLOGO, ÉTICA, PARTICIPACIÓN, DELIBERACIÓN e INCLUSIÓN". Cuestións que desenvolvín cando falei e escribín da "democracia substantiva". E anunciou que proximamente "poremos en marcha a primeira Plataforma Provincial de Participación Cidadá do Estado. Unha das medidas do "Plan Ourense 15-19".


Defende a innovación e o coñecemento como verdadeiras ferramentas de progreso, e neste sentido dixo que Ourense "é unha provincia, unha deputación, que segue con interese modelos de desenvolvemento territorial e de xestión pública como os casos de Tilburg nos Países Baixos ou Curitiba no Brasil, e moi de cerca apostas polo emprendemento como a gañadora de Israel. Sen dúbida un modelo exitoso do seu ecosistema de innovación, tratándose do país coa maior concentración de innovación e emprendemento, a maior cantidade de start up per capita e a maior porcentaxe de PIB investido en I+D+i para uso civil".


Cataluña


No que atinxe á situación catalana, avogou polo diálogo: "Nin a Constitución nin o Estatuto son inmutables; non son o problema, son a solución, porque fixan procedementos para reformalos". Afirma que ámbalas dúas "establecen as normas precisas e o número de apoios para aprobar esa reforma. Eu mesmo participei nun intento de reforma do Estatuto de Autonomía para Galicia, perfectamente posible e nalgúns aspectos necesarios para adaptalo á realidade que non é a de 1981. España ten a Constitución que quere e terá a Constitución que queira. E Galicia ten o Estatuto que quere e terá o Estatuto que queiran galegas e galegos. Nunca é tarde para o diálogo e a negociación cando existe vontade política. Así é como aparecen puntos de encontro e intereses comúns".


Finalmente, en clave galeguista, Manuel Baltar referiuse á necesidade de "reconquistar Galicia para si mesma, coa sensatez e a firmeza intelectual do pensamento e da acción dun galeguista exemplar, Carlos Casares, quen non dubidou en asumir responsabilidades políticas, cando foi necesario, para axudar a construír o país soñado, a nación das palabras". 


A sociedade, a galega, "é aberta ás transformacións e respectuosa coa tradición". A Galicia aldea e a Galicia cidadán, a base rural, a base mariñeira e o pulo urbano. A Galicia do pan e do viño, a dos rebuldeiros areais da beiramar e a do grave silencio da montaña, "acabada simbolización das fontes vitais deste noso país", en acertada definición de Otero Pedrayo".

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE