#Claves de la semana
NOVO HOSPITAL DE VIGO ALVARO CUNQUEIRO

A presidenta da Diputación de Pontevedra reclama á Xunta a reversión da concesión do Cunqueiro

Carmela Silva compareceu no Parlamento de Galicia para presentar os orzamentos de 2016. Critica que o goberno galego obrigue ao Concello de Vigo a entregar terreos para a construción da cidade da xustiza


|

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, reclamou este xoves, na súa comparecencia na Comisión de Economía do Parlamento de Galicia, unha serie de infraestruturas de competencia autonómica en materia de sanidade, educación e mobilidade que os alcaldes e alcaldesas da provincia veñen pedindo dende fai anos.


Entre esas demandas Carmela Silva reclamou da Xunta a reversión da concesión de forma inmediata do Hospital de Vigo porque "é un escándalo o que está a acontecer con ese hospital privatizado, reducido e con graves carencias técnicas e sanitarias".


De igual xeito, criticou que a Xunta obrigue aos concellos a entrega de terreos para construir esas infraestruturas que son da súa competencia, como fai no caso de Vigo, coa cidade da xustiza, ou que non asuma as necesidades en materia sanitaria como a construción do novo centro de saúde de Bouzas.


Carmela Silva detallou un orzamento para o ano 2016 no que "a distribución será xusta, obxectiva e equitativa. Acabáronse as dádivas do anterior presidente. Acabouse a libre disposición de millóns de euros".


A presidenta da Deputación recordou que ate de agora os orzamentos da institución provincial estaban baseados en subvencións nominativas, millóns de euros para que o anterior presidente, Rafael Louzán do Partido Popular, distribuíra de xeito partidista e na supeditación dos concellos ao organismo provincial. "Acabáronse -subliñou Silva- os repartos por simpatía, proximidade, afiliación ou intereses electorais. Comeza un novo modelo igualitario e xusto".


Nesta liña, a presidenta, insistiu que esta "nova Deputación" trata de "igual a igual" aos 62 concellos da provincia e "baixo os principios de equidade, concertación, cooperación e colaboración" . "Agora -continuou Carmela Silva- cumprirase a lei e outorgarase por concorrencia, garantindo a igualdade, a transparencia, o equilibrio e unha distribución baseada en criterios obxectivos". De feito para as transferencias aos concellos da provincia o orzamento provincial contempla que o 30 por cento dos recursos sexan adicados ao fondo local.


Como exemplo da política anterior, a presidenta, puxo as áreas de deporte e turismo onde producíanse unha amalgama de actuacións, subvencións, patrocinios e convenios sen unha finalidade clara e sen un plan de actuación que permitise definir con claridade a política deportiva e turística que facía a Deputación. " O noso novo sistema centrarase en garantir o acceso ao deporte para todas e todos os cidadáns da provincia. Máis e mellor deporte pero cun uso planificado dos recurso".


TURISMO


Igualmente, con respecto ao turismo, Carmela Silva anunciou un plan global para a posta en valor de todos os recursos cos que conta a provincia de Pontevedra. Entre os outros eixos de maior importancia política para o novo goberno da Deputación de Pontevedra, o do emprego é fundamental. Así o demostra o adicar o 20 por cento do orzamento para este fin "con políticas ligadas a xeración de emprego baixo as premisas de máis e mellor traballo, máis e mellor formación, máis e mellor apoio as empresas, máis e mellores infraestruturas provinciais para favorecer a implantación de industrias e, con iso, xerar riqueza e emprego", subliñou Carmela Silva.


A creación do servizo de Igualdade, para coordinar as actuacións cos concellos en materia de dereitos das mulleres e, sobre todo, de loita contra as violencias machistas e o servizo de Cohesión Social e Mocidade, para o apoio aos colectivos máis desamparados, son outros dos exemplos desta nova Deputación.


Dentro do espírito de máxima colaboración cos concellos da provincia, Carmela Silva destacou, a posta en marcha dun servizo de asesoramento xurídico-técnico para estas entidades, "sobre todo as máis pequenas, onde os funcionarios non poden atender todas as necesidades nestes aspectos. Un servizo que a maior parte dos alcaldes e alcaldesas veñen pedíndonos en todas as xuntanzas con eles".


Outro dos eixos, fundamentais, será o garantir a sostenibilidade do medio natural "con actuacións - sinala Silva- das que quero destacar a aposta pola compostaxe e pola mellora dos montes da nosa provincia" co reparto de compostoiros entre os concellos e entidades veciñais.


ORZAMENTO


Para todo elo o orzamento da Deputación de Pontevedra para 2016 ascenderá a preto de 152 millóns de euros, o que representa un incremento do 2,4% sobre o 2015. Conleva un aforro de 53 millóns de euros, amortizará débeda en 14 millóns e o aforro neto a final de ano será de 39 millóns de euros.


A presidenta da Deputación de Pontevedra mantivo tamén na súa intervención a necesidade de que a Xunta de Galicia, cuxos orzamentos están agora en trámite no Parlamento, inclúan recursos suficientes para facer fronte ás demandas do conxunto dos concellos da provincia. Entre eles, Carmela Silva, destacou a reparación e modernización dos centros educativos "que se atopan, en moitos casos, en situacións intolerables". O mantenemento dos centros de saúde e a construción de novos centros de atención sanitaria que "levan anos reclamando os alcaldes e alcaldesas e que en moitos deles ata cederan os terreos", son outras das peticións.


Tamén reclamou a ampliación de Montecelo en Pontevedra "e que se renuncie á construción dun novo hospital que só serviría para favorecer o negocio duns poucos", subliñou Silva.


En benestar social, a posta en marcha dos centros de día xa construídos, como é o caso de Redondela ou Cambados, ou a construción de novos equipamentos de atencións os nosos maiores onde gobernos locais, como O Grove ou Silleda están dispostos a asumilos, foron destacados pola Presidenta.


Entre outras demandas á Xunta, Carmela Silva destacou, de xeito urxente, a creación dunha mesa na que participen o conxunto das administracións, os responsables xudiciais e as asociacións de loita contra a violencia ás mulleres "ante os datos de asasinatos de mulleres deste ano pola violencia machista".


PLAN DE EMPREGO


Por outra parte, a Presidenta da Deputación demandou ao goberno de Núñez Feijoo "que se elabore un plan galego de emprego e medidas para o retorno de emigrantes que tiveron que abandonar Galicia froito da crise económica" dado que é un dos principais problemas que teñen os pontevedreses e pontevedresas.


Por último, Carmela Silva, fixo unha reflexión política sobre a necesidade de un "cambio radical no modus operandi do conxunto da administración do estado" para que as facendas locais dispoñan dos recursos suficientes para o desempeño das funcións que a lei lles atribúe "para que se establezan con claridade competencias, financiamento e unha posición igualdade con respecto ao resto das administracións do Estado. Esta modificación ten que garantir unha mellor e maior atención ás necesidades reais da cidadanía".


Neste sentido, a Presidenta da Deputación de Pontevedra, destacou que esta administración teña que comparecer no Parlamento de Galicia "para dar contas do noso orzamento e a outra administración non teña que facelo e, poño por caso, o Conselleiro de Facenda nos plenos da Deputacións ". "De feito -dixo Carmela Silva- invítolle a que compareza en Pontevedra para explicarnos cales son as partidas orzamentarias que contemplan os orzamentos da Xunta para a miña provincia".

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE