​Feijóo pide diálogo sen liñas vermellas con Catalunya: "A lei non pode ser obstáculo para a empatía"

|

Feijoo2


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha conferencia sobre estabilidade e sustentabilidade no Círculo de Economía de Barcelona, apostou por abordar o encaixe de Catalunya en España a través dun diálogo fluído e sen liñas vermellas: "A lei non pode ser obstáculo para a empatía".


"Debemos desterrar a demonización do que pensa ou sente diferente, é pouco saudable facer exorcismos co nacionalismo catalán", sentenciou Feijóo, que defendeu que Catalunya e Galicia representan dúas identidades que deben ser respectadas no conxunto do Estado.


Destacou que "as inquietudes de Catalunya deben ser respectadas e harmonizadas", sempre dentro do marco da lei e con vocación de recoñecer ás autonomías como núcleo central e non periférico do Estado.


"Non caben liñas vermellas, senón moitos teléfonos vermellos con permanente comunicación", receitou Feijóo, que recoñeceu que a sentenza contra o Estatut marcou un antes e un despois nas relacións entre Catalunya e o resto de España.


"Os moderados dunha e outra parte deben deixar de ser reféns dos grupos que necesitan o conflito para sobrevivir", e a liña divisoria non debe estar entre a esquerda e a dereita nin entre nacionalistas e constitucionalistas, senón entre os que queren seguir no conflito e os que traballan para superalo.


Ao acto asistiron o coordinador xeral do PP catalán, Xavier García Albiol, o líder do partido en Barcelona, Alberto Fernández Díaz, o presidente de Hotusa, Amancio López, o presidente do Banc Sabadell, Josep Oliu, e o expresidente de Gas Natural Fenosa, Salvador Gabarró, entre outros.


RESCATE DO ESTADO DE AUTONOMÍAS


Ao seu xuízo, o primeiro paso para recompoñer as relacións é "liberarse da ditadura das palabras e os conceptos" como dereito a decidir e nación, e centrar esforzos en perfeccionar a distribución competencial e as bases do financiamento.


O mellor para o presidente galego é "rescatar as expresións 'España das autonomías' e 'Estado das autonomías', non para rompelas, senón para cumprilas en toda a súa extensión", nun proceso de descentralización que debe ter en conta a pluralidade española.


Este proceso debe iniciarse cunha reforma de financiamento que "non debe mesturarse co debate identitario" e na que non debe haber o trato bilateral que houbo con Catalunya na configuración do actual sistema, considerou Feijóo.


Aínda así, admitiu que "non é fácil de explicar que a Catalunya non se lle dea un concerto cando o teñen os vascos e os navarros" porque é razoable, aínda que apuntou que, en cambio, a Generalitat si que utiliza o Fondo de Liquidez Autonómico (FLA) mentres outras comunidades, como Galicia, non o fan.


Considera que con este mecanismo a Generalitat estase "sobrefinanciando sen pactalo co resto de comunidades", polo que ve necesario reformar e clarificar canto antes o actual sistema.


ADMIRACIÓN ATA O ESTATUT


Feijóo enxalzou as bondades do catalanismo "que había ata o do Estatut", cando CiU axudaba á gobernabilidade de España e participaba dos grandes pactos de Estado, dixo.


Segundo el, ata entón os galegos admiraban a capacidade xestora de Catalunya, pero co proceso soberanista mudou a situación: "Desde hai algún tempo xa non é o exemplo para seguir".


Cre que "a algúns políticos cataláns gústalles o conflito porque conseguen votos", algo que dubida que sexa útil para os cidadáns, e apunta que o acordo é o desenlace máis intelixente ante calquera conflito ou discusión.


Aínda así, pediu que se respecte e se teña en consideración a maioría independentista que hai no Parlament: "Igual que en Estados Unidos non están todos equivocados, aínda que Trump non nos guste, en Catalunya tampouco, aínda que non nos guste a CUP e ERC".

relacionada El nuevo secretario de Estado de Hacienda ofrece diálogo para acordar la nueva financiación autonómica
relacionada El Gobierno mantiene limitados los instrumentos de financiación a las Autonomías y ayuntamientos

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Este periódico fue seleccionado por Google News Initiative para su Journalism Emergency Relief Fund

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress