#Claves de la semana
PPdeG propón aprobar un código ético

Feijóo sitúa a "credibilidade" como o mellor valor do PP nestas eleccións

O Presidente do PPdG asegura que os populares chegan ás eleccións municipais co programa ofrecido en 2011 cumprido


|

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, aludiu este domingo á credibilidade como o mellor valor do seu partido nestas eleccións municipais, ás que os populares chegan co programa que presentaron en 2011 cumprido e iso nun escenario de "palabras e mentiras" nas outras opcións. Esta calidade, a da "credibilidade", enxalzouna o líder dos populares galegos na clausura este domingo dunha reunión da xunta directiva do PPdeG, celebrada en Compostela, e na que se presentou o novo programa marco autonómico.


Núñez Feijóo observou que "hai diferenzas" que se poden constatar "entre a credibilidade dos outros e a nosa" e, neste sentido, asegurou que mentres outras candidaturas acoden con "palabrería oportunista" ou o PSOE cos estropicios cos que cargan do pasado, o PP ten os feitos, é dicir, o "nós dixemos e fixemos o que dixemos". Neste sentido, rodeado dalgúns dos candidatos populares aos municipios galegos, Núñez Feijóo defendeu este domingo que a "verdade", unha das "armas políticas" máis valiosas, sitúa agora ao PPdeG como a elección idónea e "ninguén dubida" de que vaia gañar.

O PPdeG, remarcou Núñez Feijóo, leva "as siglas do grupo que trasladou un programa electoral á realidade", dotando a Vigo do hospital público máis grande de España, a Ourense dun novo edificio xudicial, á Catedral, unha das iconas da capital galega, dun mantemento continuo; ou á cidade lucense dos "mellores servizos hospitalarios que nunca antes tiveron". No seu discurso, o presidente do PPdeG precisou que "os concellos non deben ser un freo, senón un impulso para a recuperación económica", contribuíndo a que os servizos sociais cheguen con maior efectividade e calidade a cantos máis veciños mellor.

Veciños aos que faciliten, ademais, a apertura dun negocio, apuntou, e defendeu tamén Feijóo que as administracións locais, as máis próximas, sexan máis transparentes e máis abertas á participación. "Concellos para ser vividos e non sufridos, con comunicacións, transportes, impostos e gobernos adecuados", en suma. Deste xeito, insistiu en que desde as súas filas queren seguir "mellorando e superando os seus propios feitos", posto que "é ben fácil superar o que fixeron os gobernos de esquerdas ou nacionalistas" e, por iso, o seu reto é "elevar o listón" que eles mesmos se marcaron.

Deste xeito, manifestou que este programa agora presentado "eleva o listón das nosas expectativas económicas, da xeración de novas oportunidades, das esixencias éticas aos representantes públicos e da participación e comunicación cos veciños, porque teñen que ter fío directo cos seus representantes municipais "24 horas e 365 días ao ano". Para seguir nesta senda de mellora, advertiu, hai que votar aos candidatos populares que encabezarán este proxecto, "iso está nas nosas listas, non hai que buscar noutros", está no PP, que se presenta nos 314 municipios galegos cun equipo de goberno e non "unha poxa de cargos".

O coordinador do programa electoral dos populares galegos, Pedro Puy, presentou neste acto o programa que recolle as 314 "realidades" existentes neste territorio, con tres alicerces básicos e que son comúns: a cooperación e lealdade institucional, o diálogo e participación, e a transparencia e a honestidade. Puy debullou un programa electoral "realista", que non está pensado para dar titulares, senón que foi elaborado "con propostas para resolver os problemas da cidadanía".

Concretou que os obxectivos básicos do proxecto popular, redactados tras comisións sectoriais e reunións preparatorias con diferentes sectores, son abanderar políticas que recuperen o "benestar" cidadán, melloren os datos "de economía e emprego" e tamén dignifiquen a política, xa que "vergoñosos" comportamentos de militantes individuais non poden cuestionar "o traballo honrado" da maioría do PP. O resultado é un programa, que, ademais, busca a estabilidade local, coa que tamén está comprometida a Xunta. Puy reclamou que desde os concellos se axude a "prestixiar" a política o 24-M propiciando "acordos" que permitan gobernar á lista máis votada.

O candidato á Alcaldía de Santiago, Agustín Hernández, considerou os próximos comicios como un "desafío crucial" no que todos nos xogamos moito, as forzas políticas e os cidadáns. Son unhas eleccións nas que non valen os "discursos baleiros" e nas que a traxectoria popular ofrece a estabilidade necesaria para un goberno municipal, fronte a alternativas que se conforman "a última hora improvisando candidatos" e fronte a outros que culpan ao PP de non conseguir confeccionar as súas listas "sen recoñecer que son eles os que se están quedando sos".

Hai un grupo máis, proseguiu, e é o daqueles aos que todo lles vale para "pescar en río revolto" e algúns outros que buscan unha "acertada plataforma de procesos revolucionarios, que xeralmente empeza e acaba neles mesmos". En contraposición, Agustín Hernández destacou que o PPdeG ofrece traballo "con rigor e responsabilidade" para beneficiar á cidadanía galega no seu conxunto. 

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE