SANTIAGO, XII Xornada sobre a urxencia e a emerxencia

Galicia sitúase como a comunidade cos mellores índices de supervivencia por infarto agudo de miocardio

|

O Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade acolleu, hoxe pola tarde, a inauguración da XII Xornada sobre a urxencia e a emerxencia: dez anos do Programa galego de atención ao infarto agudo de miocardio en Galicia; acto que estivo presidido pola conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e ao que tamén asistiron o xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández Campa; o director do 061 de Galicia, José Antonio Iglesias; e o presidente da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias, Manuel José Vázquez Limia.


A titular da carteira sanitaria do Executivo galego destacou que o éxito do programa código infarto galego- PROGALIAM-, ao longo destes dez anos, permitiu mellorar a expectativa e calidade de vida do paciente con IAM, así como promover a equidade no acceso as prestacións do sistema sanitario nunha comunidade como a galega pluriprovincial e cunha gran dispersión xeográfica.


Mosquera salientou como outro logro que, na actualidade, só o 50% dos pacientes que sofren un IAM en Galicia chegan as salas de hemodinámica dos centros sanitarios de referencia directamente a través do 061. Os pacientes con infarto que son asistidos polas unidades de soporte vital avanzado do 061, durante o traslado a sala de hemodinámica, minimizan as posibilidades de morte arrítmica -fibrilación ventricular-, situación que realmente pon en risco a vida deste pacientes.


Así, os datos reflicten que, dende a posta en marcha do Progaliam no ano 2005, 6.886 pacientes foron trasladados para anxioplastia polas unidades medicalizadas do 061 Galicia, dos que 283 presentaron fibrilación ventricular, logrando unha supervivencia do 93% dos mesmos.


O obxectivo é concienciar á poboación sobre a importancia de que ante a mínima sospeita de sufrir algún síntoma de infarto de miocardio deben chamar ao 061. Na actualidade, grazas ao Progaliam, axilizar o contacto co sistema sanitario é o único que permitirá reducir os tempos no tratamento ao IAM- tan importantes nesta patoloxía- e, por tanto, mellorar os resultados á asistencia á poboación galega.


A importancia da coordinación


O PROGALIAM, mellora a atención ao paciente que sofre un infarto agudo de miocardio acortando os tempos de asistencia tanto in situ como os traslados ao hospital, grazas á coordinación entre a atención extrahospitalaria e a hospitalaria. Así, calquera infarto que sucede en Galicia atendido polas unidades de soporte vital avanzado do 061 é diagnosticado in situ e trasladado ao centro de referencia máis cercano para realizar unha anxioplastia.


O 061, ao mesmo tempo que atende ao infartado, avisa ao centro sanitario para que á chegada ao hospital, o paciente sexa levado directamente á sala de hemodinámica co obxecto de recibir o tratamento necesario sen perder tempo e evitando ser valorado de novo no servizo de urxencias de dito hospital. No caso de que o paciente chegue polos seus medios a un hospital que non dispoña de sala de hemodinámica é trasladado sen demora ao centro que dispoña deste servizo.


Grazas a coordinación se acurta o tempo no que os pacientes con IAM reciben o tratamento óptimo de reperfusión, mellorando así a expectativa e calidade de vida do paciente. Por elo, os obxectivos do PROGALIAM inclúen o diagnóstico rápido do IAM, a decisión da estratexia de reperfusión máis adecuada, acurtar os tempos de traslado á sala de hemodinámica e facilitar o retorno ao hospital de referencia.


Durante os 10 anos de funcionamento do Prograliam atendéronse preto de 7.000 pacientes que, ademais de recibir o tratamento de forma precoz e despois de levarse a cabo a intervención, foron devoltos aos seus hospitais de referencia por parte do propio 061. Isto garante a seguridade e rapidez do traslado, minimizando os inconvenientes para o paciente e a súa familia.


Galicia, moito mellor que a media nacional


A conferencia inaugural correu a cargo do doutor Alfonso Castro Beiras, baixo o nome de Historia e Evolución do Progaliam en Galicia: Un fito cara ás comunidades pluriprovinciais, na que fixo un percorrido pola historia deste programa pioneiro en España, dende os seus inicios, nos que tomou como modelo o sistema de atención ao infarto en Dinamarca, por tratarse dun país cunhas peculiaridades xeográficas similares á comunidade galega, ata os exitosos resultados acadados na actualidade, que sitúan a Galicia como a segunda comunidade autónoma, moi por riba da media nacional, na supervivencia por infarto agudo de miocardio dos pacientes que son trasladados polo 061.


Castro Beiras destacou a importancia que tivo para a poboación galega a implantación do Progaliam hai dez anos, e que, ademais, estivo acompañado no tempo coa posta en marcha do Plan Integral de Cardiopatía Isquémica do Ministerio de Sanidade.


Obxectivos da reunión


A xornada, dirixida a médicos e persoal de enfermería con responsabilidade ou interese na síndrome coronaria aguda, rexistrou máis de 150 asistentes e tivo, como obxectivos xerais, revisar os aspectos esenciais da asistencia á síndrome coronaria aguda, no que se refire a xestión de recursos sanitarios, a coordinación e integración efectiva dos diferentes niveis asistenciais e a situación actual desta patoloxía en Galicia, con énfase nos resultados obtidos e nos desafíos de cara aos vindeiros anos. Ademais, a reunión serviu, tamén, para revisar a historia e resultados do código infarto.


O programa científico dividiuse en dúas partes, a primeira mesa redonda, baixo o nome de Asistencia á síndrome coronaria aguda na Comunidade Galicia, 10 anos do Progaliam. Resultados e propostas, abarcou dende a integración da atención primaria no código infarto; o tempo idóneo ata o a realización dunha anxioplastia, así como os retos dun programa de de reperfusión ao IAM en Galicia.


Doutra banda, a segunda mesa redonda, Mirando cara adiante. Necesidades de mellora na asistencia á síndrome coronaria aguda, se centrou no futuro. Os relatorios desta derradeira parte da xornada falaron do REGALIAM, un sistema único de rexistro para toda a comunidade, e do futuro do modelo Código infarto e os retos de adaptación as novas guías internacionais de manexo do IAM.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Este periódico fue seleccionado por Google News Initiative para su Journalism Emergency Relief Fund

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consejo editorial Publicidad
Powered by Bigpress