ELECCIONS MUNICIPAIS 2015

Catro corporacións locais terán que esperar a xullo para constituirse

|

Un total de catro corporacións locais das 314 que hai en toda Galicia terán que esperar ao próximo 3 de xullo para constituirse, debido aos distintos contenciosos electorais que se presentaron os municipios de Tordoia e Ordes, na Coruña; Caldas de Reis (Pontevedra); e Lobios (Ourense). A todos estes concellos chegou a comunicación da xunta electoral central pola que se informa da presentación destes recursos e, polo tanto, a lei obriga a atrasar a súa constitución. Como consecuencia, as deputacións da Coruña, Ourense e Pontevedra tamén se verán afectadas e non se poderán conformar ata que estes concellos resolvan esta cuestión.


Así, no municipio pontevedrés de Caldas, despois de que o PSdeG perdese a maioría absoluta pola anulación de dúas papeletas que foran validadas pola xunta electoral de zona, o rexedor en funcións, o socialista Juan Manuel Rey, anunciou un recurso contencioso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o que paralizou o pleno de investidura.


No municipio de Ordes, o actual rexedor en funcións, o independente de Unión por Ordes Manuel Regos, presentou un contencioso ao non frutificar o recurso interposto ante a xunta electoral para que se anulase o reconto de dúas mesas.


Os resultados das urnas situaron o PPdeG como forza política máis votada nese municipio coruñés, con sete edís. Como segunda forza está UxO, con seis; mentres que o BNG ten tres e o PSdeG, un. Dáse a circunstancia de que os socialistas trataron de negociar a entrada do rexedor independente nas súas filas, pero non frutificou, mentres que o BNG rexeitou apoiar o actual rexedor.


UN ERRO AO APUNTAR OS VOTOS EN TORDOIA


Sen saír da provincia da Coruña, no municipio de Tordoia, o PSdeG tamén presentou un contencioso electoral, aínda que neste caso non hai dúbida de que se renovará no cargo o actual alcalde, o popular Antonio Pereiro, que logrou oito de 11 edís con que conta a corporación.


Neste caso, o erro coñéceno todos os implicados e admiten que existe, pero, como non se reclamou en tempo á xunta electoral, o PSdeG tivo que presentar un contencioso electoral. Así, segundo explicou o alcalde en funcións, na parroquia de Bardás outorgáronse os 103 votos do PSdeG ao BNG, o que lle deu a esta formación política un concelleiro que en realidade non lle correspondía.


Con todo, na páxina web oficial do Ministerio do Interior se recolle a repartición ‘correcto’, con oito edís para o PPdeG e tres concelleiros para os socialistas. De tódolos xeitos, haberá que esperar ata xullo para que a conforme a nova casa do concello.


DOUS SUFRAXIOS MÁIS DOS QUE VOTARON


Finalmente, no Concello de Lobios mantense o recurso porque os socialistas denunciaron que se contabilizaron 533 votacións pero 535 sufraxios. Non obstante, o edil máis próximo a repartición corresponderíalle aos populares, que xa teñen maioría absoluta, co que a resolución deste recurso non cambiará a cara da Alcaldía.


Desta forma, a alcaldesa en funcións, a popular María del Carmen Yáñez Salgado, subliñou que as xuntas electorais rexeitaron os recursos presentados, porque “nunca se superaron as persoas censadas”, e atribuíu o acontecido a un “erro” humano. Ante as críticas a que non se puideron presentar alegacións, a rexedora sostivo que houbo queixas rexistradas e negou esa circunstancia.


CORPORACIÓNS MULTICOLOR


A irrupción de novas forzas políticas terá o seu reflexo en 39 corporacións locais, onde haberá cinco ou máis formacións nos seus plenos. Fronte a iso, o PP, nas Somozas, e Compromiso por Galicia, en Vilar de Santos, gobernarán sen oposición.


Esta situación provoca que, por exemplo, en Ames o socialista José Miñones (con catro edís) necesite o apoio de tres grupos máis -coa formación Ames Novo está en situación de empate técnico (ten 4)- para facerse coa Alcaldía.


Tamén na provincia da Coruña, en Cabanas, os tres edís do PSOE necesitarían o apoio de BNG, a Agrupación de Electores de Cabanas e Participación Democrática Directa, cun representante cada un, para superar os cinco que obtivo o PP. A candidata de AEC, Eva García, avanzou que non aceptaría ningún pacto de goberno que non incluíse ser ela a alcaldesa.


O escenario de Padrón segue aberto, con sete formacións políticas entre as que se repartiron 13 edís. O PP está á cabeza con cinco concelleiros como lista máis votada, pero se outros grupos se unisen poderían arrebatarlle o bastón de mando, polo que haberá que esperar a este sábado para coñecer o resultado.


OUTROS POSIBLES PACTOS


Un dos municipios nos que se podería pechar un acordo a catro bandas é O Porriño, onde o PSOE, con catro concelleiros, podería gobernar co apoio dunha formación independente (2), BNG (2) e EU-SON (1). Non obstante, os nacionalistas abriron a porta a que se reedite o goberno do popular Nelson Santos ante a súa reticencia a integrarse nun grupo do que forman parte exintegrantes do PP.


En Tui ensaiouse un pacto entre PSOE, BNG, Alternativa Tudense e SON, se ben nas últimas horas os nacionalistas deixaron entrever que non entrarán no goberno, aínda que apoiarán a investidura de Enrique Cabaleiro.


En cambio, en Sanxenxo xa se presentou publicamente o que será o futuro goberno, no que están representados Sanxenxo Agrupación Liberal (4), BNG (3), PSOE (1) e Sanxenxo Pode (1). A suma dos seus concelleiros impedirá que o PP repita

.

PRIMEIRO PLENO E CONSTITUCIÓN NAS CIDADES


Así as cousas, e á marxe destes catro casos, o resto dos concellos galegos irá constituíndo as súas corporacións locais. O primeiro deles, o máis ‘trasnochador’, será Sober, que cando se cumpra a media noite volverá investir como rexedor ao popular Luis Fernández Guitián.


Nas principais cidades de Galicia, as candidaturas de confluencia faranse coas alcaldías de Santiago de Compostela, A Coruña e Ferrol. Na capital galega, o candidato de Compostela Aberta, Martiño Noriega, contará para a súa investidura cos votos a favor do BNG, a súa antiga formación política, pero aínda está por decidir se os nacionalistas entrarán no goberno local.


Xulio Ferreiro, tamén un exmilitante do BNG, será o alcalde da Coruña, onde a Marea Atlántica gobernará en solitario e en minoría, pero conta con respaldo para alcanzar a Alcaldía. Pola súa banda, Ferrol en común ten o apoio no investidura do PSdeG e do BNG, que descartaron entrar no goberno local.


O panorama en Lugo despexouse nas últimas horas tras a renuncia do socialista Xosé López Orozco, a reelección do cal estaba vetada por Lugonovo e o BNG por estar imputado na ‘Operación Pokémon’.


En Ourense, as dúbidas do que faría o candidato de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, que reclamou para el a alcaldía aínda que só fose por metade do mandato, despexáronse tamén nas últimas horas ao afirmar que se votaría a si mesmo, pero haberá que esperar ao sábado para que se ratifique o popular Jesús Vázquez como alcalde.


En Vigo o socialista Abel Caballero ten vía libre grazas á folgada maioría absoluta (17 de 27 edís) que logrou, mentres que en Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, que acariciou a absoluta, arrancará o mandato cun goberno en solitario despois de gobernar os últimos 16 anos co apoio do PSdeG, aínda que non descarta negociar pactos posteriores.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Cabecerarecomendados 1
Cabeceraultimahora
Cabeceralomasleido 1


Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condiciones de uso Consejo editorial
Powered by Bigpress