ENQUISA DE PRESUPOSTOS FAMILIARES DO INE

O gasto medio por fogar cae en 167 euros e sobe 47 o desembolso por persoa

|

cestadelacompralibertario364x245.jpg

O gasto medio por fogar no ano 2014 en Galicia situouse en 25.921,49 euros, o que supón unha caída do 0,6 por cento (167 euros menos) con respecto aos 26.088,54 euros de 2013, segundo os datos recolleitos na Enquisa de Orzamentos Familiares publicada este mércores polo Instituto Nacional de Estatística (INE).


Por contra, o desembolso medio por persoa en 2014 en Galicia ascendeu a 10.271,09 euros, un 0,5 por cento máis (47 euros) que os 10.223,8 euros de 2013. Deste xeito, segundo os datos do INE, o gasto total do conxunto dos fogares residentes en Galicia, medido en termos correntes, reduciuse un 0,1 por cento con respecto a 2013.


En canto ao gasto medio por consumo, na Comunidade galega situouse en 2014 en 15.172,17 euros, un 0,1 por cento máis que en 2013, no que estaba en 15.154,98 euros. A Comunidade galega situouse o pasado ano 488 euros por baixo da media nacional de gasto medio por cidadán, con 10.271 euros fronte a 10.759 do cociente estatal.


En España, o gasto medio por fogar no ano 2014 foi de 27.038 euros, 60 menos que en 2013, o que supuxo unha taxa anual do -0,2 por cento. En termos constantes, é dicir, eliminando o efecto dos prezos, o desembolso medio por fogar aumentou un 0,5 por cento, segundo sinala o INE.


TOTAL ESPAÑA


O ano 2014 foi o primeiro no que se alcanzou en constantes unha taxa positiva desde 2007. E o gasto medio por persoa en termos correntes foi de 10.759 euros en 2014, o que supuxo un aumento do 0,6 % respecto ao ano anterior.

Pola súa banda, o gasto total do conxunto dos fogares residentes en España, medido en termos correntes, aumentou un 0,3 por cento en 2014 fronte a 2013.


O gasto en bebidas alcohólicas e tabaco diminuíu un 4,5 por cento respecto de 2013, debido a que os fogares españois reduciron o seu desembolso en tabaco de media en 26 euros, un 7,2% menos.


Tamén no grupo de mobiliario, equipamento e outros gastos da vivenda caeu o gasto un 4,1%, en especial por un menor gasto en mobles; así como en comunicacións, cunha baixada do 3,6%, motivada pola diminución do gasto nos servizos telefónicos nun 6,2%. Tamén en materia de vivenda, auga, electricidade e combustibles reduciuse un 2,4% o gasto, no que influíu, segundo precisa o INE.


POR GRUPOS


Pola súa banda, os grupos cun aumento do gasto medio por fogar que destaca o INE corresponde a saúde, cunha subida do 9,8 por cento debido, na súa maior parte, ao crecemento do gasto nos servizos médicos, que subiu 71 euros respecto de 2013.


Tamén se incrementou un 3,7% o desembolso en hoteis, cafés e restaurantes. Así, os fogares gastaron 77 euros máis en comidas e bebida fóra do fogar. E en transportes, grupo no que a taxa anual do 3,4% estivo determinada polo aumento do 17,8% do gasto na compra de vehículos. Isto supuxo un maior gasto anual de 117 euros.

En canto á distribución do gasto, a maior parte distribuíuse entre tres grupos, segundo concreta o INE: vivenda, auga, electricidade e combustibles (8.747 euros), o 32,4% do orzamento total do fogar; alimentos e bebidas non alcohólicas (4.028 euros), o 14,9%; e transportes (3.227 euros), o 11,9% do total.


MÁIS GASTO EN LECER E ROUPA


En cambio, no que máis aumentaron os seus gastos as familias durante o pasado ano foi en transportes (106 euros máis), saúde (85 euros máis), hoteis, cafés e restaurantes (83 euros máis) e artigos de vestir e calzado (27 euros máis).

Pola súa banda, o gasto medio por persoa no ano 2014 foi de 10.759 euros, o que supuxo un aumento do 0,6% respecto ao ano anterior, que se eleva ao 1,4% en termos constantes, é dicir, eliminando o efecto dos prezos. O gasto total en consumo do conxunto dos fogares residentes en España, medido en termos correntes, aumentou un 0,3% en 2014 e un 1% en termos constantes.


Dentro dos alimentos e bebidas non alcohólicas, o máis consumido polas familias foi a carne (3,6%); o pan (2,3%); leite, queixo e ovos (1,9%), e peixe (1,8%), mentres que no grupo de transportes destacou o gasto destinado a carburantes e lubricantes (4,8%), automóbiles (2,7%) e mantemento e reparacións de vehículos (2,3%).


Segundo a enquisa, o perfil do sustentador principal (persoa que máis achega ao orzamento común do fogar) é un elemento diferenciador no gasto do fogar, tanto no gasto en si como na súa evolución ao longo do tempo.


OS FOGARES SUSTENTADOS POR PARADOS, OS QUE MENOS GASTAN


Así, segundo a situación respecto da actividade do mesmo, o maior gasto (30.669 euros) correspondeu aos fogares cuxo sustentador principal estaba ocupado, cun gasto un 13,4% superior á media. Pola súa banda, os fogares que rexistraron menor gasto foron aqueles cuxo sustentador principal estaba parado (17.033 euros), valor que se situou un 37% por baixo da media.


Precisamente, os fogares cuxo sustentador estaba parado foron os que máis reduciron o seu gasto, un 5,3% respecto de 2013, mentres que os fogares con sustentador principal ocupado foron os que menos o reduciron (-0,1%).


No que respecta á estrutura do gasto segundo a situación na actividade, os fogares formados por unha persoa ou unha parella de 65 ou máis anos foron os que dedicaron maior parte do seu orzamento a vivenda, auga, electricidade e combustibles para a vivenda (42,2%), a alimentos e bebidas non alcohólicas (16,5%) e a saúde (5,3%).


Pola súa banda, os fogares con fillos menores de 16 anos caracterizáronse por dedicar unha menor porcentaxe ao seu gasto en vivenda (o 28%, catro puntos menos que a media) e máis aos artigos de vestir (6,4%), ao lecer, espectáculos e cultura (6,8%) e ao ensino (2,1%).


PAÍS VASCO, NAVARRA E MADRID CON MÁIS GASTO


Por comunidades autónomas, as que rexistraron un maior gasto medio por persoa en 2014 foron País Vasco (con 13.313 euros), Navarra (12.599 euros) e Comunidade de Madrid (12.558 euros). Pola contra, Canarias (con 8.906 euros), Estremadura (9.194 euros) e Andalucía (9.237) rexistraron os menores gastos por persoa. Desta forma, o gasto medio por persoa en País Vasco foi un 23,7% superior á media nacional, mentres que Canarias situouse un 17,2% por baixo da media.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Cabecerarecomendados 1
Cabeceraultimahora
Cabeceralomasleido 1


Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condiciones de uso Consejo editorial
Powered by Bigpress