#Claves de la semana
'PROGRAMA CAPACITA'

Feijóo avanza un novo plan para formar a máis de 10.000 emprendedores

Amosa o seu desexo de que os bolseiros "volvan a dalo todo por Galicia e para Galicia"

Aproveita o acto para convidar o presidente do Banco Pastor e a Fundación Barrié, José María Arias, a formar parte do Comité Asesor para o deseño do Plan Estratéxico 2015-2020


|


O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación —previsiblemente, no Consello da Xunta da próxima semana— do Programa Capacita, co que se pretende mellorar a formación de máis de 10.000 emprendedores “que sacan adiante pequenas e medianas empresas en Galicia, pero que seguramente cunha maior especialización poidan ser máis competitivos e conseguir máis éxitos no seu traballo diario”.


Feijóo fixo este anuncio no acto de entrega das bolsas da Fundación Barrié, durante o que gabou hoxe o enorme potencial do “capital humano no que Galicia deposita o seu futuro”.


Esta non foi a única novidade lexislativa que anunciou o xefe do Executivo, senón que tamén adiantou unha rebaixa no tramo autonómico da contribución fiscal dos bens inmobles rurais, similar á que se anunciou hai unhas semanas para as propiedades urbanas.


Galicia fixa e atrae talento


O presidente recordou tamén algunhas das medidas que o Goberno autonómico vén tomando ao longo destes anos para “condensar a enerxía” deste capital humano: a conxelación das taxas universitarias, as máis accesibles de España; o mantemento dos “edificios do Benestar” malia a crise e as axudas a centos de investigadores que traballan nos campus galegos, nos centros tecnolóxicos e nas empresas. Como exemplo dos polos de innovación que Galicia está creando para atraer os investigadores á nosa terra, Feijóo citou a aposta polo desenvolvemento de avións non tripulados no concello lucense das Rozas.


“Nun momento de recuperación económica como o que vivimos, o que máis desexa calquera presidente é contar cos profesionais máis completos e mellor preparados para que o seu país saia adiante”, dixo Feijóo xusto antes de desexar que os beneficiarios das bolsas volvan “a dalo todo en Galicia e para Galicia”.


O xefe do Executivo autonómico tampouco esqueceu loar o labor da Fundación Barrié na “busca dos mellores profesionais para a nosa terra”. A entidade leva concedidas nos últimos 26 anos 15.000 bolsas que apostan “polo talento e a excelencia que Galicia necesita”. “Quédome cos vosos nomes —bromeou Feijóo cos 30 novos bolseiros deste ano— para poder comprobar dentro dun tempo se efectivamente vós vos comprometedes con Galicia e Galicia se compromete convosco”.


O presidente aproveitou o acto, por último, para invitar ao presidente do Banco Pastor e a Fundación Barrié, José María Arias, a formar parte do Comité Asesor para o deseño do Plan Estratéxico 2015-2020, cuxa apertura á sociedade galega foi salientada no Consello da Xunta de onte.


Programa Capacita


O Programa Capacita, cuxa aprobación adiantou hoxe Feijóo, buscará mellorar a capacitación profesional dos emprendedores e das pequenas e medianas empresas galegas de cara a incrementar a súa competitividade.


Cun orzamento de dous millóns de euros para o bienio 2015-2016, este programa mellorará a capacitación de máis de 10.000 emprendedores galegos. Inclúe diferentes actuacións orientadas á especialización sectorial, a formación en idiomas (imprescindible para a internacionalización das empresas) e o intercambio de coñecemento e experiencias entre emprendedores e empresarios consolidados, entre outras accións.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE